Medio rural destaca os beneficios das agrupacións forestais de xestión conxunta para a xestión sostible do monte galego
Así o destacou hoxe o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal nunha mesa redonda sobre fórmulas colectivas para a xestión do territorio impulsada polo Laboratorio Ecosocial do Barbanza e a Fundación RIA
José Luis Chan sinalou que o seu obxectivo é promover a rendibilidade silvícola e promover unha boa xestión forestal, sen esquecer os aspectos económicos, ambientais e sociais que teñen os bosques
Sinalou que a Consellería leva a cabo un importante traballo para favorecer a creación destas asociacións e este mesmo mes resolvéronse achegas por un valor de 600.000 euros para apoiar 22 agrupacións
Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2025
O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, destacou hoxe os beneficios das agrupacións forestais de xestión conxunta para a xestión sostible do monte galego. Puxo en valor este instrumento nunha mesa redonda sobre fórmulas colectivas para a xestión do territorio impulsada polo Laboratorio Ecosocial do Barbanza e a Fundación RIA.
Neste contexto, destacou que o seu obxectivo é promover a rendibilidade silvícola e promover unha boa xestión forestal, sen esquecer os aspectos económicos, ambientais e sociais que teñen os bosques. Recordou que as persoas que formen parte de agrupacións poderán recibir asesoramento técnico especializado e obterán mellores prezos e oportunidades á hora de comercializar a madeira, xa que o farían de xeito conxunto.
Explicou tamén que este tipo de asociacións contribúen de xeito moi positivo na mellora da eficiencia económica dos nosos bosques, ao facilitar o acceso a recursos e subvencións, ao mesmo tempo que promoven prácticas sustentables.
Apoio do Goberno autonómico
Así mesmo, sinalou que a Consellería do Medio Rural leva a cabo un importante traballo para favorecer a creación destas asociacións. Este mesmo mes resolvéronse as achegas destinadas a fomentalas e apoialas, beneficiando a 22 agrupacións cun orzamento de máis de 600.000 euros. De feito, a anterior convocatoria destas achegas permitiu duplicar o número de agrupacións forestais de xestión conxunta.