A Xunta asina o convenio para instalar a aula móbil que acollerá o servizo de comedor no colexio Fingoi 2

Lugo, 11 de decembro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, informou hoxe de que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de asinar e remitir ao Concello de Lugo o convenio para a instalación da aula móbil que acollerá o servizo de comedor do colexio Fingoi 2.

Arias instou ao Concello a asinar tamén canto antes o acordo poder iniciar a colocación do módulo desmontable á maior brevidade posible. Lembrou que a prestación do servizo de comedor é unha competencia municipal, pero o Goberno galego implicouse para dar resposta á demanda das familias, ofrecendo unha solución rápida e viable.

En base a este convenio, o Concello de Lugo cede superficie nunha parcela anexa ao centro, mentres que a Consellería instala a aula portátil e asume o custe de mantemento durante o tempo de vixencia do acordo, que se establece en dous anos prorrogables por un máis. 

Ao respecto, o delegado explicou que nas últimas semanas o módulo foi trasladado ao Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) das Mercedes, onde se están realizando traballos de mellora nos que se implican docentes e alumnos dos ciclos superiores de Eficiencia Enerxética e Marketing.

Así, puxeron a punto a climatización, proxectaron a distribución interior e incorporarán o equipamento unha vez que a instalación se acomode na parcela. Deseñaron tamén elementos de decoración para o exterior.

Data de actualización: 11/12/2025