Arias convida aos lucenses a desfrutar da ‘Xornada de benestar dixital familiar’ este sábado na sede da Xunta en Lugo
O delegado territorial de Lugo explica que inclúe contidos educativos e de entretemento para todas as idades, a participación é gratuíta e non require inscrición previa
Lugo, 11 de decembro de 2025
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, convidou hoxe aos lucenses a desfrutar este sábado da Xornada de benestar dixital familiar, que se celebrará na sede da Xunta desde as 12,00 ata as 20,00 horas. Explicou que se trata dunha iniciativa impulsada pola Dirección Xeral de Saúde Pública con contidos educativos e de entretemento que promoven o equilibrio entre as actividades dixitais e o tempo en familia.
O evento está deseñado para que poidan participar todos os integrantes da familia, é gratuíto e non require inscrición previa. Propón actividades como unha competición interxeracional do Mario Kart, un obradoiro no que se proporcionarán pautas e ferramentas sobre os contidos axeitados para cada franxa de idade, e outro sobre as últimas tendencias do lecer dixital. Tamén haberá espazos para experiencias de ocio tanto dixitais como tradicionais, avogando por conxugar ambos modelos na vida cotiá.
As familias que desexen participar simplemente deberán achegarse ata a sede da Xunta en Lugo, na rolda da Muralla. Unha vez alí, completarán un formulario -mediante un código QR-, para recompilar a información sobre os seus hábitos dixitais e os seus datos persoais, co propósito de xerar unha base de datos e así realizar un seguimento posterior da implementación do plan.
Estes cuestionarios recolleranse tanto en formato físico como por correo electrónico e almacenaranse nunha base de datos para realizar un seguimento ás catro semanas. Deste xeito, avaliaranse as novas actitudes adoptadas pola familia e o seu impacto en cada núcleo familiar.
A Consellería de Sanidade xa desenvolveu con éxito esta xornada de lecer familiar e dixital en Santiago de Compostela.