O conselleiro de Sanidade, mantivo un novo encontro co xerente do Sergas, co director xeral de Asistencia Sanitaria e cos xerentes das áreas sanitarias para avaliar o impacto da folga nacional contra a reforma do Estatuto Marco
Gómez Caamaño alerta do impacto da folga nacional contra o Estatuto Marco, que en dous días paralizou máis de 27.000 asistencias e obriga a un grande esforzo de reprogramación
A xornada de folga de onte mércores supuxo a suspensión de 240 cirurxías, 730 probas, preto de 6.800 consultas hospitalarias e 6.500 consultas de atención primaria
O conselleiro pide ao Ministerio de Sanidade que na reunión de hoxe avance de cara a lograr un acordo en torno ao Estatuto Marco que permita acabar cos paros
Sinala que o Servizo Galego de Saúde está a facer un esforzo de planificación e reorganización para reprogramar canto antes toda a actividade suspendida
Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, alertou hoxe do impacto da folga nacional contra o Estatuto Marco, que en dous días paralizou máis de 27.000 asistencias, obrigando a un grande esforzo de reprogramación no Servizo Galego de Saúde.
O titular da carteira sanitaria mantivo esta mañá un novo encontro telemático de traballo co xerente do Servizo Galego de Saúde, o director xeral de Asistencia Sanitaria e os xerentes das áreas sanitarias para facer seguimento do impacto da folga nacional contra a reforma do Estatuto Marco promovida polo Goberno central.
Tal e como detallou o conselleiro, os datos reportados polos xerentes das sete áreas sanitarias reflicten que a actividade afectada pola folga onte mércores supuxo a suspensión de 240 cirurxías, 730 probas non realizadas, a cancelación de preto de 6.800 consultas hospitalarias e a suspensión de 6.500 consultas de atención primaria.
En total, na xornada de onte mércores, Gómez Caamaño dixo que se suspenderon máis de 14.200 procesos, o que supón 1.000 máis que o martes, notándose unha maior incidencia nas probas diagnósticas e nas consultas de atención primaria.
Para o conselleiro, estas cifras amosan claramente o impacto que os catro días de folga convocados van supoñer en tempos de espera para os pacientes, polo que urxiu de novo ao Ministerio de Sanidade a que na reunión de hoxe avance de cara a logra un acordo en torno ao texto do Estatuto Marco que permita acabar cos paros.
Gómez Caamaño referiu que o seguimento en Galicia da folga nacional contra o Estatuto Marco superou na xornada do martes o 18 % na quenda de mañá, na xornada de onte o 21 % e este xoves elevouse ata o 21,7 % na quenda de mañá.
O titular de Sanidade incidiu en que o seu departamento está en contacto permanente coas xerencias, con reunións e seguimento continuo, co obxectivo último de garantir a calidade e a seguridade dos pacientes.
Tamén referiu en que o obxectivo do Servizo Galego de Saúde é garantir, ademais da actividade urxente, a programación das prioridades 1 e os procesos da lei de garantías de actividade cirúrxica, consultas e probas.
Ademais, o Servizo Galego de Saúde está a facer un esforzo de planificación e reorganización para reprogramar toda a actividade suspendida canto antes.