A Consellería de Educación felicitará o Nadal cunha postal do alumnado do Centro de Educación Especial de Vilagarcía de Arousa
O conselleiro, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, reciben o orixinal da tarxeta nunha visita ao centro
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 11 de decembro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou esta mañá o Centro de Educación Especial de Vilagarcía de Arousa, cuxo alumnado realiza a postal coa que o departamento educativo da Xunta de Galicia felicitará o Nadal este ano.
O conselleiro, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, quixo felicitar aos estudantes, que lle entregaron o orixinal da tarxeta, polo seu traballo, que será difundido nestas semanas en toda a Comunidade. Ademais, agradeceu aos docentes do centro o seu apoio neste labor e a súa implicación e dedicación diaria ao desenvolvemento académico e persoal pleno destes rapaces.
A postal foi elaborada por sete alumnos da FP Básica de Artes Gráficas, coa axuda dos seus profesores Fátima Moure e Alba Ferreiro. Representa unha árbore de Nadal sobre fondo verde con diferentes texturas, coroada por unha estrela dourada.