A Xunta salienta o papel das mulleres no sector marítimo-pesqueiro no `III Día do Orgullo Mariñeiro´ de Burela
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, participou na mesa A muller e o mar, destacando o avance feminino na pesca e acuicultura
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, visitou a Fundación Eu Son, onde puxo en valor o consumo de peixe e marisco polos seus beneficios para a saúde
Burela (Lugo), 11 de decembro do 2025
A Consellería do Mar participou activamente no III Día do Orgullo Mariñeiro organizado pola Fundación Expomar, un encontro consolidado como espazo de recoñecemento á identidade mariñeira, á cultura do mar e ás persoas que sosteñen o sector pesqueiro. A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, que interviu na mesa redonda A muller e o mar, puxo en valor o papel crecente das mulleres na pesca, no marisqueo e na acuicultura, e salientou que o sector “está a vivir unha transformación histórica cara a unha participación máis equilibrada e unha maior visibilidade do traballo feminino”.
A responsable autonómica recordou que Galicia conta xa con máis de 1.800 mulleres traballando en actividades estratéxicas do mar, cun crecemento destacado na pesca extractiva e unha presenza moi relevante na acuicultura, onde representan preto do 25 % do emprego total Subliñou ademais o “papel esencial” das profesionais do marisqueo, das redeiras, das empacadoras e doutras actividades tradicionalmente invisibilizadas, lembrando avances como o recoñecemento de enfermidades profesionais, a mellora dos coeficientes de xubilación ou a incorporación de medidas de conciliación laboral e familiar.
Suárez destacou que “o futuro do sector pesqueiro pasa necesariamente por atraer talento novo, por reforzar as vocacións mariñeiras e por garantir que as mulleres teñan acceso a formación, emprego de calidade e espazos de decisión”. Tamén salientou o impulso desde a Xunta ao emprendemento feminino a través dos proxectos dos GALP, con iniciativas pioneiras como Candieira ou Sisargas, que fomentan o liderado feminino, a visibilidade e o relevo xeracional no sector pesqueiro.
No marco da mesma xornada, o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, visitou o comedor da Fundación Eu Son e do CEIP Vista Alegre, onde mantivo un encontro cos responsables de ambos centros para poñer en valor o papel da alimentación mariñeira nunha dieta saudable. Rial subliñou que “o peixe e o marisco son alimentos fundamentais pola súa calidade nutricional, pola súa riqueza en proteínas, vitaminas e ácidos graxos esenciais, e pola súa importancia para o benestar das persoas”. Tamén destacou o compromiso da Consellería do Mar coa promoción do produto pesqueiro galego e coa educación alimentaria, especialmente entre a mocidade e colectivos vulnerables, reforzando o vínculo entre saúde, territorio e sustentabilidade.
Unha iniciativa consolidada
A Consellería do Mar apoia esta iniciativa consolidada na Mariña lucense e que pon o foco na identidade mariñeira, na diversidade do sector e na importancia de recoñecer o labor das mulleres e dos homes que sosteñen día a día a actividade pesqueira. Tanto Suárez como Rial coincidiron en sinalar que Galicia “segue avanzando cara a un sector máis xusto, máis sostible e máis preparado para os desafíos de futuro”.