A Xunta licita por 5,5 M€ a compra de xiringas e material de punción para o Servizo Galego de Saúde
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen ata o 12 de xaneiro para presentar as súas ofertas
O expediente supón a cuarta compra centralizada do Servizo Galego de Saúde deste tipo de material e permitirá un aforro de máis de 346.660 euros por ano
No ano 2024, o Servizo Galego de Saúde consumiu 19.200.000 unidades deste material
Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2025
A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, publica no Portal de Contratos Públicos de Galicia a licitación, por importe de 5.497.544 euros da subministración sucesiva, durante os vindeiros tres anos, de xiringas e material de punción con dispositivo de bioseguridade para o seu uso nas áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde.
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen ata o 12 de xaneiro de 2026 para presentar as súas ofertas.
O valor estimado do contrato acada os 8.507.507 euros, tendo en conta as posibles prórrogas por un máximo de 24 meses.
Trátase da cuarta contratación centralizada do Servizo Galego de Saúde deste tipo de material, que permitirá un aforro estimado de 346.660 euros por ano, o que representa, para os tres anos de vixencia do contrato, un aforro de máis dun millón de euros.
As agullas e xiringas son produtos básicos e de uso común en todos os centros sanitarios para a administración de medicación ou extracción de fluídos para a realización de mostras diagnósticas. Así, no ano 2024, o consumo deste material superou as 19.200.000 unidades.
A utilización de catéteres periféricos e determinados tipos de agullas especiais (reservorio, con aletas) é unha práctica habitual para a administración de fármacos e/ou soroterapia na maioría dos procesos patolóxicos dos pacientes.
Ademais de garantir o subministro deste material, esta compra ten como obxectivo a extensión da utilización de dispositivos de bioseguridade nos aparellos de punción para a prevención, entre o persoal sanitario, de lesións causadas por material punzante e a exposición e contaminación con axentes biolóxicos e, polo tanto, a redución dos accidentes laborais con risco biolóxico.