A Xunta incrementa o orzamento dos concertos sociais con entidades sociais do ámbito da discapacidade
O Diario Oficial de Galicia do pasado martes e o do pasado xoves recollen a revisión económica á alza destes acordos co tecido asociativo
O Executivo autonómico sube en case 8 millóns de euros o financiamento de máis de 5.200 prazas públicas de residencia e de centro de día xestionadas polas entidades
Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2025
A Xunta actualiza á alza os concertos sociais que ten con entidades de iniciativa social que traballan no ámbito da discapacidade, co fin de incrementar o financiamento das prazas concertadas e facer fronte aos incrementos salariais derivados do convenio colectivo dos traballadores da discapacidade. Este incremento publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) do martes e do xoves desta semana e, deste xeito, o Goberno galego cumpre o compromiso que asumiu co tecido asociativo.
O obxectivo desta revisión económica é aumentar o prezo de 5.223 prazas públicas de centro de día e residenciais que a Xunta ten concertadas coas entidades sociais. A través desta actualización, que o Executivo galego asume en solitario, súbese en 7,8 millóns de euros o financiamento destas prazas, que forman parte da rede pública autonómica.
En concreto, os incrementos por especialidade é o seguinte: 348.222 euros de suba para 189 prazas de atención a persoas con dano cerebral, auméntanse 532.000 euros para 265 prazas de atención á discapacidade física, outros 743.000 euros a maiores para 306 prazas dirixidas a persoas con parálise cerebral, 12.300 euros de subida para 33 prazas para o coidado de persoas con problemas de saúde mental, 672.000 euros máis para 268 prazas de autismo e 5,5 millóns de euros de incremento para 4.162 prazas de discapacidade intelectual.
Esta subida prodúcese despois de impulsar no 2024 un concerto social que xa supuxo aumentar un 30% o investimento nas prazas concertadas coas entidades en comparación cos anteriores convenios.