A delegada da Xunta en Ferrol participa na entrega de premios do ‘Torneo de Promoción do Golf Feminino’ celebrado nas instalacións do Club Campomar
Narón (A Coruña), 13 de decembro de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta tarde na entrega de premios do Torneo de Promoción do Golf Feminino organizado polo Club de Golf Campomar de Narón coa apoio do Goberno galego. Unha iniciativa promovida para impulsar a participación da muller neste deporte, que ata o momento supón un 25% dos asociados da entidade naronesa.
A delegada territorial reiterou a aposta da Xunta polo fomento do exercicio físico entre a poboación de mulleres e a promoción do deporte feminino “tanto para darlle visibilidade ás deportistas como para favorecer a práctica deportiva a prol da saúde” e puxo de exemplo iniciativas como o Plan de patrocinio publicitario dos equipos de alta competición, no que aproximadamente a metade dos equipos patrocinados son femininos ou con presenza feminina, así como un plan específico para equipos femininos de primeiro nivel vinculado á Campaña de promoción e sensibilización do deporte feminino galego.
O torneo, que se desenvolveu durante as xornadas de onte e hoxe, celebrouse a 18 foxos e na modalidade individual stableford hándicap. Foron premiadas as tres primeiras damas hándicap e os tres primeiros deportistas clasificados hándicap xeral.