A Xunta licita por preto de 3,2 M€ a compra de tubos de extracción de sangue con destino aos centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde

A compra centralizada suporá un aforro de preto de 72.000 euros por ano

O consumo deste material foi de 9.475.584 unidades durante o ano 2022; de 10.491.950 unidades en 2023; e de 10.867.950 en 2024

As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen ata o vindeiro 21 de xaneiro para remitir as súas ofertas

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2025

A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, publica no Portal de Contratos Públicos de Galicia a licitación, por importe de 3.178.385 euros, da subministración sucesiva de tubos de extracción de sangue por baleiro e sistema de control da rastrexabilidade de mostras con destino ao centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde.

O contrato terá unha duración inicial de tres anos, recollendo unha posible prórroga por dous anos máis. Neste caso o valor estimado do contrato elévase ata os 4,9 millóns de euros.

A contratación centralizada deste tipo de material permitirá un aforro estimado de preto de 72.000 euros ao ano.

O consumo deste tipo de material polos centros sanitarios galegos foi en aumento, pasando de de 9.475.584 unidades durante o ano 2022; a 10.491.950 unidades en 2023; e a 10.867.950 unidades o pasado ano 2024.

O expediente de contratación inclúe a adquisición de tubos de diferentes características destinados á extracción de sangue por baleiro, asegurando o tipo de mostra e a súa calidade, para a súa utilización en distintas probas diagnósticas desenvolvidas nos laboratorios clínicos dos centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde.

O contrato tamén recolle a adquisición do sistema de xestión que garante o control da rastrexabilidade das mostras durante a fase preanalítica, permitindo a monitorización de tempos e temperaturas dende os puntos de extracción ata os laboratorios de referencia.

As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen ata o vindeiro 21 de xaneiro para remitir as súas ofertas.

Data de actualización: 15/12/2025