A Xunta acometerá o próximo ano obras de mellora da eficiencia enerxética nos xulgados de Monforte, cun investimento de 1 M€
O delegado territorial, Javier Arias, explica que cinco empresas presentaron as súas ofertas no proceso de licitación iniciado o 11 de novembro
O proxecto contempla a substitución da cuberta e das carpinterías exteriores, o cambio das luminarias por equipos LED, a renovación do sistema de climatización e ventilación e a colocación de paneis fotovoltaicos
Coa actuación conseguirase un aforro do 55,5% no consumo de enerxía primaria non renovable
Actualmente están en marcha obras menores de acondicionamento na área da Fiscalía
Monforte de Lemos (Lugo), 15 de decembro de 2025
A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes recibiu ofertas de cinco empresas para acometer as obras de mellora da eficiencia enerxética do edificio xudicial de Monforte de Lemos, licitadas o pasado 11 de novembro por un orzamento de 1 millón de euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, apuntou hoxe que os traballos realizaranse o vindeiro ano.
Entre as intervencións previstas destaca a substitución da cuberta; así como o cambio das carpinterías exteriores por outras fabricadas en madeira laminada de castiñeiro con certificación ecolóxica FSC e dotadas de illamento térmico e acústico. Tamén se mudarán as luminarias por equipos LED con sistemas de control de presenza e de regulación do fluxo lumínico.
Igualmente, farase unha renovación completa do sistema de climatización, incluíndo a calefacción, o aire acondicionado e a ventilación; así como a colocación dun módulo cortaventos na entrada.
Ademais destas intervencións, dotarase o edificio de produción de enerxía renovable mediante a instalación de paneis fotovoltaicos na cuberta, conseguindo así un un importante aforro enerxético e eficiencia nas instalacións.
Todas estas actuacións en conxunto permitirán acadar unha redución do 55,50% no consumo de enerxía primaria non renovable e unha mellora do 61,62% nas emisións. Arias incidiu tamén en que as instalacións gañarán en confort e salubridade para os usuarios.
Durante a súa visita aos xulgados, o delegado comprobou a marcha das obras menores que están en execución actualmente no interior do edificio. A maior parte corresponden á área de Fiscalía, onde se traballa na renovación das portas; o revestimento da cristaleira e o cambio dos vidros por cristais laminados para incrementar a seguridade. Tamén se colocará un rótulo nesta área. A continuación, renovarase o pavimento nun despacho.