A Xunta exemplifica o seu compromiso cunha xustiza máis moderna e eficiente coa reforma do xulgado de garda e do Imelga de Pontevedra
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visita as instalacións e salienta que a transformación da xustiza require adaptar as infraestruturas ás novas formas de traballo e ás necesidades da cidadanía
O Goberno galego investiu preto de 346.000 euros na remodelación de arredor de mil metros cadrados do antigo edificio xudicial da Parda
Pontevedra, 5 de agosto de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e o delegado da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou esta mañá as actuacións realizadas no antigo edificio xudicial da Parda, en Pontevedra, onde destacou o compromiso da Xunta cunha Administración de Xustiza máis moderna, eficiente e de maior calidade mediante a mellora continua das súas infraestruturas. O Goberno galego investiu preto de 346.000 euros na reforma de arredor de 1.000 metros cadrados do inmoble para adaptar os espazos ás necesidades actuais do xulgado de garda e do Instituto de Medicina Legal e Ciencias Forenses de Galicia (Imelga).
Durante a visita, o conselleiro incidiu en que a Administración de Xustiza está a vivir unha profunda transformación, marcada tanto pola dixitalización dos procedementos como pola implantación da nova Lei de eficiencia do Servizo Público de Xustiza, o que supón un cambio organizativo especialmente complexo en Galicia pola existencia de 45 partidos xudiciais e a dispersión xeográfica da comunidade. Neste contexto, subliñou que a modernización da Xustiza non depende só das reformas normativas ou das novas tecnoloxías, senón tamén de contar con espazos adaptados ás novas formas de traballar e preparados para ofrecer unha mellor atención á cidadanía.
As actuacións realizadas permitiron reorganizar os espazos do xulgado de garda para mellorar a súa funcionalidade, coa creación dunha nova sala de comparecencias con iluminación e ventilación natural, unha sala para entrevistas entre as persoas detidas e a súa defensa, novas dependencias para a Policía encargada da custodia e unha climatización independente, entre outras melloras. No caso do Imelga, habilitáronse novos despachos para o persoal forense e espazos de traballo máis funcionais, ademais dunha sala para a práctica de probas e declaracións de menores e outras persoas especialmente vulnerables, reforzando así a protección destes colectivos.
Para o conselleiro, esta reforma é un exemplo da aposta da Xunta por unha Administración de Xustiza máis moderna, eficiente e humana, na que a mellora das infraestruturas contribúe tanto a facilitar o traballo dos profesionais como a ofrecer un mellor servizo á cidadanía.
O conselleiro lembrou tamén que esta actuación forma parte dunha estratexia máis ampla de modernización das infraestruturas xudiciais de Pontevedra. Neste sentido, salientou que a Xunta investiu máis de 21 millóns de euros na construción da nova sede xudicial da Parda, posta en funcionamento en 2019, unha infraestrutura que permitiu reorganizar os órganos xudiciais da cidade e avanzar cara a unha Administración de Xustiza adaptada ás necesidades do século XXI.