Rueda anuncia a compra de medicamentos de inmunoterapia oncolóxica para os hospitais do Sergas por importe de 110 millóns de euros
Sinala que o contrato, por acordo marco, permitirá a “subministración sucesiva para os centros hospitalarios durante o ano 2026”, cunha posible prórroga por outros doce meses máis
Apunta a que estes medicamentos “están a revolucionar o tratamento de certos cancros como o de mama ou o de pulmón”
Lembra que o vindeiro ano será determinante no avance da medicina personalizada, “coa posta en servizo do Centro de Protonterapia de Galicia e o inicio da produción de CAR-T propios no Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas da comunidade”
Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Executivo galego autorizou na súa reunión de Consello a contratación, mediante acordo marco cun valor estimado de 110.115.091 euros, da “subministración sucesiva dos medicamentos de inmunoterapia oncolóxica para os centros hospitalarios do Servizo Galego de Saúde durante o ano 2026”. O contrato prevé unha vixencia inicial de doce meses e unha posible prórroga por outros doce meses máis.
Os medicamentos de inmunoterapia oncolóxica, tal e como apuntou Rueda, “están a revolucionar o tratamento de certos cancros como o de mama ou o de pulmón”. Mentres que a quimioterapia tradicional é capaz de destruír as células cancerosas, tamén pode danar células sas causando así efectos secundarios significativos. Pola súa parte, a inmunoterapia oncolóxica actúa activando o sistema inmunolóxico do propio paciente.
Os medicamentos obxecto deste acordo marco recoñecen e destrúen as células cancerosas de maneira máis efectiva e específica, o que significa un cambio de paradigma, pasando de tratamentos agresivos e con moitos efectos adversos, a terapias que potencian a resposta natural do corpo contra o cancro.
Estes medicamentos, polo seu mecanismo de acción, englóbanse dentro do ámbito da chamada medicina personalizada, permitindo tratar tipos de cancro que dispoñían de poucas opcións de cura ou control da enfermidade, logrando en moitos casos remisións duradeiras e pacientes longos superviventes.
Coa autorización deste contrato, o Servizo Galego de Saúde mantén o compromiso de incorporar aquela innovación terapéutica que contribúe a mellorar a saúde da cidadanía.
As indicacións de tratamento dos medicamentos que se mercarán inclúen algún dos tipos de cancro de maior prevalencia, entre os que se atopa o de mama e o de pulmón.
Galicia, na vangarda da medicina personalizada
Galicia leva anos estando á vangarda na medicina personalizada e de precisión. O presidente da Xunta lembrou que o vindeiro ano será determinante nese camiño, coa “posta en servizo do Centro de Protonterapia de Galicia e o inicio da produción de CAR-T propios no Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas da comunidade”.
En 2024 creouse o Comité molecular de tumores do Servizo Galego de Saúde, para asesorar no avance da oncoloxía de precisión.
Así pois, o modelo sanitario galego é capaz de incorporar o mellor da ciencia, da tecnoloxía e da experiencia clínica para ofrecer unha atención excelente, adecuada ás necesidades de cada persoa.
Ao respecto, Galicia conta con importantes follas de ruta como a Estratexia de Oncoloxía de Precisión, que impulsa o salto cara á xenómica e ao diagnóstico molecular.
O reto agora é lograr alternativas que sexan eficaces contra a enfermidade e, ao tempo, reduzan o impacto na calidade de vida dos pacientes.