A Xunta lanza o Plan Director de Patrocinios que optimizará e ordenará a programación do Xacobeo 2027

O Consello da Xunta aproba esta nova folla de ruta específica para o Ano Santo que sistematiza os procedementos que se veñen aplicando con éxito no apoio a eventos

Toma como base a solvencia da experiencia acumulada na xestión deste evento e inclúe unha convocatoria pública para seleccionar proxectos de grande impacto vinculados ao evento que se realicen en 2026, en 2027 ou con impacto no ano 2028

As propostas serán avaliadas por unha comisión, que valorará, entre outras cuestións e tal e como apuntou Alfonso Rueda, “o impacto cultural, social e económico de cada iniciativa, así como a proporcionalidade e a eficiencia do financiamento público que solicita cada unha”

“Traballamos con previsión e con plena seguridade xurídica e intentando favorecer a máxima igualdade de acceso”, sinala

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a posta en marcha do Plan Director de Patrocinios do Xacobeo 2027, a nova medida coa que o Goberno autonómico vai “ordenar e estruturar” os eventos que se patrocinan con fondos públicos vencellados a esta celebración.

Este plan, do que deu conta hoxe o Consello do Executivo autonómico, crea un marco específico para os patrocinios que aplicará a Administración autonómica -a través das consellerías ou entidades competentes en materia turística- asociados ao Xacobeo co obxectivo de “optimizar o gasto, maximizar a complementariedae coa programación cultural e turística que desenvolve a Xunta e fomentar a colaboración público-privada”, explicou Rueda.

Este Plan incorporará un procedemento común que se desenvolverá en fases sucesivas. A primeira, tal e como apuntou o presidente da Xunta, será o lanzamento, por parte de Turismo de Galicia, dunha “convocatoria pública á que se poderán presentar propostas de eventos vinculados á programación oficial do Xacobeo 27”, co fin de ser avaliados e, no seu caso, patrocinados pola Xunta conforme ao disposto no Plan Director de Patrocinios do Xacobeo 2027. A esta convocatoria poderán presentarse operadores económicos con experiencia acreditada na organización e produción de eventos de impacto que presenten tanto iniciativas preparatorias previstas para o ano 2026, as que se celebren no ano 2027 así como aquelas que, pola súa continuidade, poidan estender o seu impacto durante o ano 2028.

As propostas desenvolveranse en todo o territorio galego, cun foco natural nas sete grandes cidades -pola súa capacidade organizativa e infraestruturas-, así como as que contribúan á vertebración territorial, dinamización das contornas rurais ou posta en valor dos itinerarios xacobeos.  Do mesmo xeito, contempla de maneira excepcional o apoio a accións fóra de Galicia cando estas contribúan acreditadamente á proxección exterior da Comunidade Autónoma ou cando reforcen a colaboración con territorios polos que discorren itinerarios xacobeos.

Música, teatro, cinema, deporte ou investigación

Segundo este Plan e sen prexuízo doutras propostas innovadoras que, respectando os valores do Xacobeo, poidan ser formuladas polos operadores, as liñas básicas de programación que potencialmente poderán ser patrocinadas pola Xunta para formar parte da programación do Xacobeo 27 incluirán eventos urbanos coa celebración de actuacións musicais e artísticas de primeiro nivel, con capacidade para atraer públicos numerosos e xerar un forte impacto mediático e económico. Tamén apoio a festivais profesionais de música, teatro, danza, cinema ou literatura que funcionen como escaparates do talento galego e plataformas de proxección internacional.

 Tamén se poderá apoiar eventos singulares de proxección nacional e internacional, de índole cultural e deportiva ou institucional carácter único, capaces de atraer atención mediática global e reforzar o posicionamento de Galicia como destino estratéxico. Do mesmo xeito poderán presentarse a esta convocatoria de eventos potencialmente patrocinados pola Xunta encontros, congresos e foros temáticos, actividades deportivas vinculadas ao Camiño de Santiago que promovan hábitos de vida saudable, vertebración territorial e atracción turística, así como Iniciativas innovadoras e creativas con proxectos que incorporen novas tecnoloxías, formatos inmersivos ou propostas experimentais, capaces de diferenciar a programación galega e proxectar unha imaxe innovadora do Xacobeo.

Fase de avaliación

Alfonso Rueda indicou que, “unha vez recibidas as propostas”, entrará a fase de avaliación das propostas por parte dunha “comisión avaliadora que estará integrada por persoal especializado” nas áreas de cultura, turismo, medios e xestión económico-financeira con experiencia contrastada nos ámbitos cultural, turístico, comunicativo ou na xestión de patrocinios, co fin de reforzar a solvencia técnica do proceso de avaliación. Nace para reforzar a liña de traballo do Goberno autonómico en materia de patrocinios garantindo a igualdade de oportunidades e homoxeneidade.  

Esta Comisión Avaliadora valorará, entre outras cuestións, “o impacto cultural, social e económico de cada iniciativa, así como a proporcionalidade e a eficiencia do financiamento público que solicita cada unha”, indicou Rueda.

Tamén serán criterios de avaliación o impacto reputacional e mediático das propostas, especialmente o impacto internacional que traerá á Comunidade galega; a incorporación de formatos creativos e innovadores, ou a proporcionalidade e eficiencia do financiamento solicitado, entre outras.

“Traballamos con previsión e con plena seguridade xurídica e intentando favorecer a máxima igualdade de acceso”, sinalou Alfonso Rueda.

Persoal especializado

A Comisión actuará con base nos seguintes principios: obxectividade, aplicando criterios medibles e previamente establecidos; igualdade de trato, garantindo idénticas condicións para todos os operadores; proporcionalidade e coherencia, asegurando que as propostas gardan relación directa cos obxectivos do Xacobeo 2027; e trazabilidade, mediante informes fundamentados que dean soporte ás decisións adoptadas.

Unha vez finalizado o proceso de análise e avaliación das propostas, a Xunta disporá da información necesaria para formar a súa vontade contractual e determinar aqueles proxectos que resulten máis idóneos para os fins de patrocinio previstos no marco do Xacobeo 2027.  Poderá, así, iniciar unha fase de negociación cos operadores, na que se axustarán os importes provisionais do patrocinio, as condicións de execución, os compromisos de visibilidade institucional e calquera outro aspecto necesario para asegurar a coherencia do proxecto coas prioridades estratéxicas do Xacobeo.

Posteriormente, adoptará a resolución final de selección tomando como referencia o informe da Comisión Avaliadora, e poderá introducir os axustes que resulten necesarios en función das prioridades estratéxicas ou das condicións establecidas na convocatoria. A resolución determinará as propostas seleccionadas coas que, de ser o caso, se poderían formalizar os correspondentes patrocinios e será publicada nos canais oficiais de comunicación institucional.

O novo Plan director de Patrocinios do Xacobeo 2027 posto en marcha pola Xunta indica, ademais, que os patrocinios que se acorde realizar formalizaranse mediante contratos privados de patrocinio publicitario, consonte ao previsto na Lei 9/2017, de contratos do sector público. 

Folla de ruta clara e compartida

Coa posta en marcha desta medida, a Xunta de Galicia avanza na programación do Xacobeo 2027 con ferramentas que permitan ordenar e sistematizar o proceso, dotar de seguridade xurídica e permita traballar con máis previsión, garantindo a igualdade de oportunidades para os operadores e maximizando o impacto social, cultural, turístico e económico da celebración.

Avanza así nunha folla de ruta clara e compartida, que reforza o papel do patrocinio nun mecanismo estratéxico de colaboración público-privada ao servizo do desenvolvemento sostible, da proxección exterior e da cohesión territorial de Galicia. De feito, a experiencia acumulada da Xunta en edicións anteriores do Xacobeo demostra que este evento xera un efecto multiplicador considerable sobre o investimento público, retornando ás arcas públicas e ao conxunto da economía cantidades moi superiores ao gasto inicial. Tamén está acreditado o seu impacto publicitario e mediático, especialmente entre públicos novos e internacionais, o que reforza a utilidade do patrocinio como fórmula de promoción e eficiente e de alto retorno.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/12/2025