Galicia é a comunidade autónoma que máis reduce a súa débeda no 3º trimestre do ano, en 835 millóns de euros
A débeda pública da Comunidade galega representa só un 3,56% do total da débeda autonómica
A ratio débeda/PIB galega é 6,2 puntos inferior á media das CC.AA.
En termos de poboación, cada galego debe case 2.500 euros menos que o conxunto dos españois
Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2025
Galicia é a Comunidade autónoma que máis reduce a súa débeda no 3º trimestre deste ano 2025, en termos porcentuais, un 6,5%, o que supón 835 millóns de euros menos que no trimestre anterior. Deste xeito, a débeda pública de Galicia representa só 3,56% do total da débeda do conxunto das comunidades.
No que se refire á débeda/PIB, en Galicia redúcese en 1,2 puntos, ata quedar no 14,2%, 6,2 puntos por baixo da media das Comunidades, que é de 20,4. Os datos dados a coñecer hoxe polo Banco de España poñen de manifesto que Galicia é a 2ª rexión que máis reduce a súa débeda/PIB e a 4ª de réxime común cun ratio máis baixo.
En termos de poboación, Galicia é a 3ª comunidade de réxime común con menor débeda por cápita, só por detrás de Castela León e Asturias. Cada galego debe case 2.500 euros menos (2.456) que o conxunto dos españois.
Menos débeda que no 2012
Os datos confirman que Galicia continúa na senda da redución do endebedamento, estando as cifras de 2025 por baixo dos niveis de 2012. Galicia é unha comunidade responsable e prudente na xestión do seu endebedamento e, en consecuencia, a cidadanía galega non ten na débeda un problema de sustentabilidade financeira.