A delegada da Xunta en Ferrol participa con estudantes italianos e do IES de Catabois nas actividades do programa de mobilidade Erasmus+

Ferrol, 16 de decembro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o IES Catabois que desde onte e ata o próximo venres acolle a un grupo de 12 estudantes italianos de 2º, 3º e 4º da ESO e aos seus docentes, no marco do programa de mobilidade Erasmus+ no que participa o centro ferrolán.

A iniciativa denominada Quercus, desenvólvese en dous anos -este é o segundo- e está centrado na posta en valor do patrimonio natural, de aí que como actividade simbólica se apostase hoxe pola plantación dun carballo autóctono. Ademais do alumnado do IES Catabois, neste programa Erasmus+ participan estudantes de Italia, Grecia e Francia. Estes últimos visitarán o centro ferrolán o próximo mes de maio

Durante a visita, Aneiros salientou a aposta do Goberno galego pola internacionalización do ensino a través de programas coma este ou iniciativas como o Galemundo que facilita a participación de estudantes e docentes galegos en mobilidades no estranxeiro, “experiencias todas elas decisivas para acadar os bos resultados en competencias lingüísticas e tolerancia e respecto a outras culturas que manifestan os alumnos galegos segundo recollen informes como o PISA”, asegurou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/12/2025