A conselleira de Política Social e Igualdade asiste á inauguración dos novos espazos

A Xunta inviste 240.000 euros na ampliación da escola infantil do parque empresarial da Tomada que suma 78 prazas gratuítas

Fabiola García destacou que o Executivo galego financiou a creación deste recurso que se puxo en marcha no ano 2019 cunha achega de 200.000 euros

Así mesmo, lembrou que o Goberno galego destinará o próximo ano 68 millóns de euros á gratuidade destes centros de 0-3 anos e que beneficiará a preto de 120 familias da contorna

A Pobra do Caramiñal (A Coruña) , 16 de decembro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, asistiu esta mañá á inauguración da ampliación da escola infantil do parque empresarial da Tomada, na Pobra do Caramiñal. Grazas a estas actuacións, nas que a Xunta investiu 240.000 euros, o complexo duplicou a súa capacidade ata acadar case 80 prazas que serán gratuítas.

En concreto, a ampliación permitiu crear dúas novas aulas que permitirán ampliar o servizo en 40 prazas máis e atender así a case 80 cativos de toda a contorna. Neste sentido, lembrou que a Xunta xa financiou a construción deste centro que se puxo en funcionamento no ano 2019 cunha achega de 200.000 euros, ao tempo que salientou que a súa situación é idónea porque se localiza dentro do parque empresarial facilitando a proximidade a moitas familias e evitando longos desprazamentos.

Durante a visita, Fabiola García fixo fincapé no compromiso da Xunta con todas as familias galegas, poñendo a súa disposición máis recursos e reforzando os actuais. A isto engadiu a aposta do Goberno galego polo apoio á conciliación e que se traduce nun investimento de máis de 68 millóns de euros para o próximo ano co obxectivo de seguir impulsando a gratuidade na etapa 0-3 e que neste concello do Barbanza beneficia a preto de 120 familias.

Así mesmo, a conselleira volveu sinalar que Galicia é a comunidade coa taxa de escolarización na primeira etapa de infantil máis alta de España e que rolda o 65%, o que supón unha vantaxe de 15 puntos máis que a media nacional. Isto débese – explicou- á gratuidade implementada pola Xunta e que beneficia a unhas 32.000 familias ao ano cun aforro estimado de 3.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/12/2025