A Policía Nacional de Santiago comprométese coas campañas de doazón desenvolvidas pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue

A directora da ADOS acompañou á comisaria xefe da Policía Nacional, Nuria Palacios Ibán, na súa visita á unidade móbil que hoxe estivo na compostelá Avenida de Rodrigo de Padrón

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2025

A directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, Marisa López García, acompañou esta mañá á comisaria xefe da Policía Nacional en Santiago de Compostela, Nuria Palacios Ibán, na súa visita á unidade móbil que estivo fronte á comisaría da compostelá Avenida Rodrigo de Padrón.

A directora da Axencia salientou as facilidades amosadas pola comisaria xefe da Policía Nacional para retomar as campañas de doazón neste punto de referencia da capital galega, que non acollía visitas das unidades móbiles da Axencia desde o ano 2010. Tanto Marisa López como a comisaria xefe da Policía Nacional, amosaron a súa confianza en que esta visita conte cunha elevada participación por parte dos profesionais deste corpo de seguridade.

Sensibilización e información

Desde ADOS, lembrar que as campañas de doazón en empresas e organismos públicos son fundamentais para o labor que desenvolve a Axencia, porque permiten achegar o solidario xesto da doazón de sangue ata os profesionais, favorecendo, ademais, o labor de información e sensibilización a prol da doazón de sangue.

Salientar que se teñen desenvolvido un total de 11 visitas ata as instalacións da Policía Nacional en Santiago, acadando 116 doazóns no transcurso das mesmas. Neste sentido, a directora da ADOS e a comisaria xefe quixeron convidar a todos os membros da Policía Nacional en Santiago a tomar parte nesta campaña que, agardaron, sexa a primeira de moitas nesta nova andaina.

Desde a Axencia, agradecer á comisaría xefe da Policía Nacional, así como a todos os seus integrantes, todas as facilidades amosadas para o desenvolvemento desta iniciativa, especialmente, nestas datas de Nadal que resultan un período especialmente sensible no que á doazón de sangue atangue.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/12/2025