A fase final do programa abre un proceso de reflexión sobre como manter viva a rede científica creada arredor do mar en Galicia
O programa de Ciencias Mariñas de Galicia encara o seu peche apostando pola continuidade da cooperación científica
A continuidade do programa, que conta con financiamento da Consellería do Mar, pasa, entre outras vías, pola creación dun Foro de Reflexión Científica sobre as ciencias mariñas de Galicia
Vigo, 16 de decembro de 2025
O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, unha das iniciativas máis ambiciosas de investigación e innovación arredor do mar desenvolvidas na comunidade nos últimos anos, afronta a súa fase final coa vontade de preservar e reforzar a rede de cooperación científica e técnica xerada durante a súa execución. Con este obxectivo, o equipo de coordinación do programa reuniuse este martes no Centro Tecnolóxico do Mar–Fundación Cetmar para reflexionar sobre o seu impacto e sobre as vías para dar continuidade ao esforzo colectivo impulsado desde Galicia.
Enmarcado nos Plans Complementarios do Ministerio de Ciencia e Innovación, no contexto do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (Next Generation EU), o Programa de Ciencias Mariñas de Galicia forma parte do Programa Conxunto de Ciencias Mariñas estatal, no que colaboran Galicia, Andalucía, Cantabria, a Rexión de Murcia, Canarias, Illas Baleares e a Comunidade Valenciana. A Consellería do Mar de Galicia financiou as competencias de coordinación de CETMAR con 4.000.000 €.
Desde 2022, o programa permitiu artellar o ecosistema científico-técnico galego vencellado ao mar, a través da colaboración entre universidades, centros de investigación, institutos tecnolóxicos e administracións públicas, e mediante un diálogo continuo co sector mariño e costeiro. O obxectivo é despregar unha estratexia coordinada de investigación e innovación para afrontar retos clave como o seguimento e a observación do medio mariño, o cambio climático, a acuicultura e outros ámbitos da economía azul. En total, participaron 363 persoas investigadoras e técnicas, pertencentes a 82 grupos de investigación de 13 institucións.
Os resultados acadados concrétanse en 184 solucións e avances científico-técnicos, con aplicación directa ou potencial na xestión sustentable do medio e dos recursos mariños. Un dos elementos máis destacados do programa foi a súa contribución ao fortalecemento do capital humano. 117 persoas foron contratadas directamente, incorporando novos doutores e doutoras que traballaron de xeito colaborativo e interinstitucional, unha experiencia que se agarda que teña continuidade nas dinámicas futuras de cooperación científica en Galicia.
Durante a reunión celebrada no Cetmar, as persoas responsables da coordinación coincidiron en sinalar que un esforzo desta envergadura non debería esmorecer unha vez finalizado o programa. O traballo en rede desenvolvido ao longo destes tres anos contribuíu a un sistema máis eficiente, capaz de responder ás necesidades do país sen renunciar á investigación fundamental, cuxos resultados poderán materializarse a medio e longo prazo.
Diante da incerteza actual sobre os mecanismos de financiamento que permitan manter tanto os traballos como a propia estrutura de colaboración, os participantes asumiron o compromiso de volver a xuntarse a curto prazo para deseñar, como legado do programa, a creación dun Foro de Reflexión Científica sobre as ciencias mariñas de Galicia. Este foro concíbese como un espazo de carácter consultivo e de coordinación que facilite o intercambio sistemático de información entre especialistas, a planificación de accións conxuntas e a preparación de respostas coordinadas a convocatorias estratéxicas, co obxectivo de captar recursos que permitan dar continuidade e reforzar os vínculos entre a comunidade investigadora e o resto das organizacións con intereses no mar, promovendo unha relación sustentable co medio mariño e cos seus recursos.