O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou hoxe na entrega de diplomas dos cursos da UNED Sénior
A Xunta destaca a importancia de que as persoas adultas continúen formándose para favorecer un envellecemento activo e saudable
O Goberno galego ten en marcha distintas iniciativas que incentivan a participación dos maiores, como os programas Xuntos polo Nadal e Benestar en Balnearios ou o Carné +65
A Coruña, 17 de decembro de 2025
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, destacou hoxe a aposta da Xunta de Galicia polos programas de envellecemento activo e saudable. Fíxoo no acto de entrega de diplomas ao alumnado participante no programa UNED Sénior.
Antón Acevedo destacou o esforzo e dedicación dos maiores que participaron nesta iniciativa e que amosaron o seu interese en seguir adquirindo coñecementos, o que supón un exemplo para as novas xeracións.
Ademais, o director xeral indicou que o obxectivo de programas como este é dar ás persoas maiores as máximas oportunidades para que desfruten desta etapa das súas vidas e o fagan con calidade e benestar. Así mesmo, destacou que a esta mesma finalidade responden outras iniciativas que ten en marcha o Executivo autonómico, tales como: os programas Xuntos polo Nadal e Benestar en Balnearios ou o Carné +65.