O conselleiro de Sanidade respondeu esta mañá no Pleno do Parlamento a unha interpelación sobre o novo contrato de servizos asinado entre a Xunta e Povisa, onde a administración só paga en función dos procesos e da actividade realmente realizada
Gómez Caamaño destaca a incorporación da historia clínica para os pacientes de Povisa e o exhaustivo control e seguimento do contrato que fai a Xunta
Explica que o centro hospitalario vigués comezou xa a traballar co sistema de historia clínica do Servizo Galego de Saúde na área de hospitalización e de urxencias e que esta mesma semana o incorporará tamén nas consultas externas hospitalarias
Isto permite mellorar o acceso á información por parte dos profesionais do Servizo Galego de Saúde e que os arredor de 112.000 pacientes adscritos a Povisa e poidan consultar os seus datos sanitarios na plataforma É-Saúde
Remarca que o novo contrato de servizos recolle a creación da Unidade de Supervisión e Control, constituída desde o primeiro momento para asegurar o estrito cumprimento das obrigas nel establecidas e garantir a calidade na asistencia
Lembra a obriga da adxudicataria de aplicar os incrementos retributivos ao persoal pactados no convenio colectivo, un 3 % neste 2025, e a realización de investimentos en obras e equipamentos dun mínimo do 3 % do importe anual do contrato
Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, puxo en valor a incorporación da historia clínica IANUS 5 para os pacientes adscritos ao Hospital Povisa e tamén o exhaustivo control e seguimento que está a facer a Xunta do novo contrato asinado este ano co hospital vigués.
En resposta a unha interpelación esta mañá no Pleno do Parlamento de Galicia, o titular de Sanidade detallou que Povisa xa comezou a incorporar a historia clínica electrónica do Servizo Galego de Saúde o pasado 24 de setembro na área de hospitalización e o 15 de outubro en urxencias, e que, esta mesma semana, está previsto que a incorpore tamén a súa área ambulatoria e nas consultas externas hospitalarias.
Deste xeito, explicou que os profesionais poderán escribir na plataforma todos os informes, novas evolutivas, facer receitas electrónicas, peticións de transporte non urxente ou prescribir terapias respiratorias. Ademais, levouse a cabo o proceso de migración da información previa asociada aos pacientes, posibilitando que esta estea integrada e dispoñible para ser consultada no IANUS.
Tal e como incidiu o conselleiro, a integración da historia clínica electrónica permite mellorar o acceso á información por parte do resto de profesionais da rede do Servizo Galego de Saúde e que os arredor de 112.000 cidadáns voluntariamente adscritos a Povisa poidan consultar os seus datos de saúde na plataforma É-Saude.
Na súa intervención, Gómez Caamaño tamén referiu que a Xunta, atendendo á recomendación do Consello de Contas, mudou a fórmula de colaboración con Povisa, pasando do concerto existente a un contrato de servizos onde a administración só paga polos procedementos e a actividade realmente realizada. Isto, incidiu, permite axustar o importe á cantidade real de procesos efectuados, segundo as tarifas establecidas no propio contrato.
O titular de Sanidade relatou que a administración autonómica ten mecanismos de supervisión e control moi esixentes e que desde o primeiro momento se constituíu a Unidade de Supervisión e Control prevista no contrato para asegurar o estrito cumprimento das obrigas nel establecidas e garantir a máxima calidade na asistencia aos pacientes que libremente elixen o hospital Povisa para recibir atención sanitaria.
A Unidade de Supervisión e Control está conformada por diversos profesionais da área sanitaria de Vigo e vela para que a asistencia que se presta en Povisa se dea con plenas garantías, as mesmas que no Servizo Galego de Saúde.
Máis concretamente, esta unidade encárgase de revisar a actividade rexistrada para os pacientes atendidos; o dimensionamento dos recursos humanos asignados ao contrato; o cumprimento dos protocolos e procedementos autorizados; o seguimento da implantación do IANUS; a verificación no cumprimento dos obxectivos de calidade; ademais de revisar a prestación farmacéutica.
Gómez Caamaño lembrou que, entre melloras recollidas no novo contrato de servizos con Povisa, está a obriga da adxudicataria de aplicar os incrementos retributivos ao persoal pactados no convenio colectivo, o que supón unha suba dun 3 % neste ano 2025 para os traballadores; ou o realizar investimentos en obras e equipamentos dun mínimo do 3 % do importe anual do contrato.