A conselleira de Política Social e Igualdade e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude asistiron ao acto de conmemoración do aniversario
A Xunta felicita á entidade Dano Cerebral Santiago por 25 anos sendo un referente no apoio ás persoas con discapacidade e ás súas familias
A conselleira puxo en valor a historia da asociación, que “conseguiu situarse como unha entidade de referencia en toda a comarca de Santiago “, atendendo e dando apoio a 1.000 familias
Lembra que Xunta vén de actualizar á alza os concertos sociais que mantén coas entidades que traballan no ámbito da discapacidade, incrementando en 7,8M€ o financiamento de máis de 5.200 prazas
Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García; o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón; e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño; asistiron esta tarde ao 25 aniversario da asociación Dano Cerebral Santiago. No acto, Fabiola García trasladou á entidade os parabéns do Goberno galego “por un cuarto de século sendo un referente no apoio ás persoas con discapacidade e ás súas familias”.
Na súa intervención, a conselleira puxo en valor a historia desta asociación que, segundo destacou, “conseguiu, grazas ao seu esforzo e tesón, situarse como unha entidade de referencia en toda a comarca de Santiago”, chegando a atender actualmente a máis de 1.000 familias ás que ofrecen un asesoramento e acompañamento imprescindible. Por esta razón, agradeceu a todas as persoas que conforman esta entidade “por todo o traballo que levades ás vosas costas e por todo ese empeño en seguir mellorando a vida das persoas con discapacidade”.
Fabiola García asegurou que Dano Cerebral Santiago, ao igual que o resto de entidades sociais, “conta sempre co apoio do Executivo galego” co obxectivo de “seguir avanzando cara unha Galicia máis xusta, máis igualitaria e máis inclusiva”. Neste sentido, lembrou que a semana pasada a Xunta de Galicia actualizou á alza os concertos sociais que mantén coas entidades que traballan no ámbito da discapacidade. Con este financiamento, que o Goberno galego asume en solitario, incrementase en 7,8M€ o financiamento de máis de 5.200 prazas que forman parte da rede pública autonómica.
Por último, a conselleira puxo en valor que a Xunta de Galicia “está investindo máis que nunca na atención á discapacidade e nos proxectos das entidades”. Neste caso, puxo como exemplo a ampliación do centro de día Sarela, da entidade Dano Cerebral Santiago, para o que a Xunta achega máis de medio millón de euros, co obxectivo que poida acoller o dobre de prazas para persoas con discapacidade.