Villaverde demanda á Comisión Europea cambiar o rumbo para que a pesca sexa sostible a longo prazo
A conselleira do Mar clausurou o Programa de Dirección de Empresas Alimentarias, incluído en Competemar
Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, trasladou este xoves na clausura do Programa de Dirección de Empresas Alimentarias (DEA), incluído no marco da iniciativa Competemar, o compromiso da Xunta de seguir traballando para que a Comisión Europea estableza as condicións necesarias que favorezan que a actividade da pesca sexa sostible a longo prazo, tanto en termos socioeconómicos, como de emprego e de soberanía alimentaria.
Neste senso, e partindo de que “Galicia é unha gran provedora de recursos pesqueiros”, avogou, novamente, porque o órgano europeo “impulse políticas que favorezan o equilibrio entre as capacidades de pesca existentes e os recursos pesqueiros dispoñibles, en aras de garantir a súa conservación e, por tanto, “o futuro dos nosos pescadores e das súas familias”.
E é que a actividade marítimo-pesqueira ten un carácter estratéxico na estrutura económica galega, tanto polo seu peso económico como pola súa dimensión social, pois representa o 5 % do Produto Interior Bruto (PIB) e o 5,5 % do Valor Engadido Bruto (VEB). Así, é o cuarto sector en exportacións da economía galega, e é a actividade co maior índice de produtividade por traballador, xerando preto de 50.000 empregos directos.
Este contexto avala o apoio do Goberno galego para a proxección exterior da cadea mar-industria, con medidas como a clausurada hoxe e que forman parte da colaboración que a Consellería do Mar mantén co Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga).