Arias destaca que a Oficina de Asesoramento aos Retornados de Lugo atendeu este ano máis de 800 consultas
Lugo, 18 de decembro de 2025
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destacou hoxe o labor que desenvolve a Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno da Xunta, que este ano atendeu na provincia máis de 800 consultas, cun forte incremento da atención presencial e itinerante, especialmente no rural.
Con motivo do Día Internacional das Persoas Migrantes, Arias mantivo un encontro co persoal da Oficina, situada na Delegación Territorial, e afirmou que “é un referente para a plena integración das persoas que retornan, ás que acompañan nos seus primeiros pasos para establecerse no país, atopar vivenda ou emprego”.
Lembrou que no ano 2024 retornaron 914 galegos á provincia de Lugo, consolidando así a tendencia á alza dos últimos anos, e explicou que desde o 2018 mobilizáronse na provincia máis de 1,7 millóns de euros en diferentes liñas de apoio ao retorno.