A onda epidémica de gripe mantense en intensidade media con tendencia decrecente
Esta situación deberá confirmarse na seguinte semana, xa que os datos da semana 50 puideron verse condicionados pola festividade do 8 de decembro e as 4 xornadas de folga médica contra o Estatuto Marco do Goberno central
O último informe de actividade das infeccións respiratorias agudas da Dirección Xeral de Saúde Pública indica que as persoas maiores de 80 anos son as que presentan a maior taxa de ingreso hospitalario por gripe
Nos últimos sete días ingresaron no hospital 360 persoas con gripe confirmada
A maior taxa de consultas por gripe segue a darse en nenos de 0 a 4 anos
Recoméndase o uso da máscara ao acudir a centros de saúde, aínda que non se teñan síntomas de infección respiratoria
Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2025
A Consellería de Sanidade publica, na súa páxina web, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á semana do 8 ao 14 de decembro, que sinala que a actividade gripal en Galicia continúa con intensidade media e con tendencia decrecente.
Respecto da semana anterior, rexístrase un descenso na taxa de consultas por gripe en atención primaria dun 10,6 %.
Así, esta taxa sitúase en 109,2 consultas por cada 100.000 habitantes. O grupo coa maior taxa de consultas continúa a ser o de 0 a 4 anos (247,6 consultas por 100.000hab), seguido do de 5 a 19 anos, con 176,9 consultas por 100.000 habitantes.
No que atinxe ás áreas sanitarias, a taxa de consultas foi inferior á da semana anterior en todas elas, agás en Vigo, onde aumentou un 2,7 %. As áreas con maior descenso na taxa de consultas por gripe foron a da Coruña cun 29,4 % e a de Ferrol cun 27,4 %.
En canto aos ingresos hospitalarios, na última semana ingresaron 360 persoas con gripe confirmada, un 0,8 % máis que na semana anterior (357 ingresos).
O aumento da taxa de ingresos observouse en todos os grupos de idade, agás nos de 60 a 79 anos e de 80 e máis anos, grupos nos que descendeu un 8,8 % e un 5 % respectivamente. O incremento máis importante deuse nos grupos de 5 a 19 anos que case triplicou a taxa, e no de 0 a 4 anos, que aumentou un 51 %.
Por área sanitaria, a que presentou o maior incremento de taxa de ingresos foi a de Pontevedra (do 39,2 %) se ben foi a de Lugo a que amosou a taxa máis elevada con 20,9 ingresos por 100.000 habitantes.
No que vai de temporada da gripe notificáronse 2.060 ingresos, a maioría deles con virus tipo A.
A rede de farmacias sentinela que colabora coa Consellería de Sanidade traslada que na última semana as taxas de dispensa de antigripais e de probas de antíxenos descenderon un 4,3 % e un 14,6% respectivamente.
Finalmente, cómpre sinalar que, aínda que se observa un descenso da taxa de consultas e da positividade, é necesario confirmar esta tendencia na vindeira semana xa que os datos da semana 50 poderían estar condicionados polo festivo do 8 de decembro e as 4 xornadas de folga dos facultativos contra o Estatuto Marco do Goberno central.
Ante esta situación, recoméndase o uso da máscara aínda que non se teñan síntomas cando se acude a centros de saúde, a puntos de atención continuada e ás urxencias hospitalarias.
En canto ao resto de estancias dos hospitais, a recomendación do uso da máscara mantense nos servizos que atendan pacientes vulnerables, como son as unidades de coidados intensivos e pacientes críticos, unidades de reanimación, de pacientes transplantados, oncolóxicos e hematolóxicos, unidades de diálise e hospitais de día.