Gómez Caamaño salienta o valor da colaboración entre o Sergas e a Deputación de Ourense para incentivar a actividade física como ferramenta terapéutica en 50 pacientes á semana

Esta iniciativa, posta en marcha no ano 2023, beneficiou xa a 300 pacientes, ampliándose aos usuarios do Hospital de Día de Saúde Mental

O conselleiro salienta a aliñación do programa con outros proxectos da Consellería de Sanidade como o Plan de Obesidade Zero ou o Adestra a túa saúde

Ourense, 18 de decembro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou hoxe o valor da colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e a Deputación Provincial de Ourense para incentivar a actividade física como ferramenta terapéutica que beneficia a 50 pacientes cada semana.

Gómez Caamaño e o presidente provincial da Deputación de Ourense, Luís Menor, asinaron hoxe un convenio de colaboración para facilitar que os pacientes con distintas patoloxías, integrados en colectivos terapéuticos do Servizo Galego de Saúde, poidan participar nos programas de fitness do Pazo dos Deportes Paco Paz de forma gratuíta.

O conselleiro apuntou que se trata dunha iniciativa que leva anos demostrando o seu enorme potencial, motivo polo que se ampliou a diferentes colectivos terapéuticos, entre eles os do Hospital de Día de Saúde Mental. Desde a súa posta en marcha, no 2023, xa beneficiou a 300 pacientes.

Esta colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e a Deputación Provincial de Ourense prolongarase agora ata o 2029, coa vontade de fomentar a actividade física en 50 pacientes cada semana. Así, os doentes asisten os martes e os mércores a clases de pilates, ioga e relaxación.

Con este tipo de programas, a Consellería de Sanidade busca promover hábitos de vida saudables que axuden a previr a aparición de enfermidades e doenzas crónicas. Nesta liña, desenvólvense proxectos como o Plan de Obesidade Zero, impulsado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, que aposta pola creación de contornas máis saudables e a capacitación da cidadanía para tomar decisións que melloren o seu benestar.

Outro exemplo é o programa Adestra a túa saúde, dirixido aos maiores de 60 anos, co obxectivo de fomentar a actividade física como elemento clave de prevención e mellora da calidade de vida.

A Rede Galega de Promoción de Saúde tamén impulsa iniciativas en municipios e ámbitos comunitarios para fomentar estilos de vida saudables, incluíndo a actividade física regular como liña de intervención.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/12/2025