O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, interveu hoxe en comisión parlamentaria
A Xunta garante a asistencia sanitaria de máis de 3.700 veciños do Concello de Cerdedo-Cotobade
Todas as prazas do servizo de atención primaria do municipio están cubertas: catro de medicina, catro de enfermería e tres de persoal de servizos xerais
O xerente do Servizo Galego de Saúde lembra que os orzamentos de 2026 prevén 163 novas prazas de atención primaria
Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2025
O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada Jorgal, salientou esta mañá no Parlamento de Galicia que a atención primaria está garantida para os máis de 3.700 veciños do concello de Cerdedo-Cotobade. Así mesmo, afirmou que este nivel asistencial seguirá a ser unha prioridade estratéxica no Servizo Galego de Saúde, especialmente nos concellos rurais, dispersos e con baixa densidade de poboación, como no caso deste municipio pontevedrés.
No marco da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, o responsable sanitario salientou que todas as prazas están cubertas no municipio, con catro prazas de medicina, catro de enfermería e tres de servizos xerais.
No referido á pediatría, salientou que se trata dun servizo compartido entre Cerdedo-Cotobade e Forcarei no que as medidas organizativas garanten a atención a todos os nenos.
Así mesmo, a atención hospitalaria pediátrica está plenamente garantida no Complexo Hospitalario de Pontevedra.
O xerente do Servizo Galego de Saúde lembrou que a nosa é unha das poucas comunidades onde a atención pediátrica nos centros de saúde é realizada en case o 90 % dos casos especificamente por especialistas de pediatría. Na actualidade, o 95 % dos nenos galegos teñen atención pediátrica no seu propio concello.
Parada Jorgal referiuse ao problema estrutural de dispoñibilidade de profesionais sanitarios de atención primaria como o verdadeiro reto que se lle presenta ao Sistema Nacional de Saúde.
Ante esta realidade, o Servizo Galego de Saúde está a actuar en diversos planos. En primeiro lugar, incrementando a oferta de prazas MIR. Ademais, os orzamentos de 2026 contarán con 163 novas prazas para atención primaria, con máis de 1.000 creadas nos últimos anos.
En segundo lugar, mellorando as condicións laborais e retributivas deste nivel asistencial no ámbito rural, con incentivos específicos, estabilidade contractual e medidas de conciliación. E, en terceiro lugar, reforzando os equipos multidisciplinares o impulso do papel da enfermería, do persoal administrativo e doutros perfís profesionais que contribúen a descargar de tarefas burocráticas aos facultativos.
Durante a súa intervención no Pazo do Hórreo, o xerente do Servizo Galego de Saúde anunciou tamén avances na reorganización dos modelos asistenciais, apostando por unha atención primaria “máis resolutiva, máis integrada coa atención hospitalaria e apoiada en ferramentas dixitais”.
No que respecta á dotación dunha ambulancia no PAC de Cerdedo, lembrou que a Consellería de Sanidade se comprometeu a estudar a súa implantación no marco do novo contrato do 061 para a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, con licitación prevista no vindeiro ano.