Así o adiantou o director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde en resposta a unha pregunta no marco da Comisión 5ª do Parlamento galego

O novo Plan de Saúde Mental da Xunta avanza no obxectivo de acadar unha atención máis humana, segura e respectuosa cos dereitos das persoas

O novo plan incorpora unha liña transversal de humanización, sensibilización e loita contra o estigma

Fará fincapé na mellora dos espazos terapéuticos, incluíndo salas sensoriais e áreas de desescalada para unha mellor atención destes pacientes

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2025

O novo Plan de Saúde Mental da Xunta avanzará no obxectivo de acadar unha atención máis humana, segura e respectuosa cos dereitos das persoas.

Así o adiantou o director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva Tojo, quen esta mañá interveu na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia para abordar os avances que se están a realizar neste eido coa vontade de reducir ao mínimo imprescindible o uso de medidas de contención.

Galicia traballa para que, calquera actuación sanitaria, ante situacións de risco, se realice baixo criterios clínicos estritos, cun enfoque preventivo e unha orientación clara cara á redución progresiva das medidas máis restritivas.

O director xeral asegurou que xa se está a ultimar o novo Plan de Saúde Mental, no que se incorpora unha liña transversal de humanización, sensibilización e loita contra o estigma.

Ademais, este novo documento contempla obxectivos e accións que inciden directamente na redución de prácticas restritivas. Algunhas destas medidas pasan pola mellora dos espazos terapéuticos, incluíndo salas sensoriais e áreas de desescalada; a xestión da información e a formación no modelo contención cero.

Esta folla de ruta inclúe dous obxectivos centrais. O primeiro refírese ao impulso do coñecemento e á comprensión da saúde mental e os dereitos e deberes da cidadanía, reducindo o estigma e promovendo a participación comunitaria. O segundo, incide na adecuación dos espazos asistenciais e na redución do uso de prácticas restritivas.

No marco do Plan de Saúde Mental Poscovid-19, Silva Tojo destacou tres liñas de acción: a implantación de modelos non coercitivos e estandarizados, as formacións nas áreas sanitarias e a formación continua desde a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

A maiores, indicou que o Sergas desenvolve a súa actuación neste ámbito en coherencia e cumprimento coa normativa vixente. Deste xeito, as accións realizadas alíñanse cun marco normativo común que sitúa os dereitos humanos, a dignidade da persoa e a proporcionalidade da intervención no centro da práctica asistencial.

Data de actualización: 18/12/2025