Os VII Premios aos Empregados Públicos Innovadores recoñecen o compromiso do persoal da Xunta de Galicia co avance da administración

Na categoría de identificación de oportunidades galardóase a Manuel Soliño, da Consellería do Medio Rural; Víctor Manuel Fernández, da de Facenda, e Ángel Casas, da de Educación

Na de temática máis innovadora premiáronse os proxectos de María Carmen Pato e Santiago García, da Consellería de Educación; de Antonio Losada, da de Facenda, e de Mercedes Patricia Toubes , Natalia Crespo e Juana Isabel Ferreiro, da de Emprego

Na de simplificación administrativa distínguese o traballo de Juan Antonio Gestal, da Consellería de Educación; de Carlos Túñez e José Ramón Torres, tamén de Educación, e de Carlos Villaverde, da de Emprego

Nesta edición bateuse récord de candidaturas con 44 admitidas procedentes de dez consellerías

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2025

A Xunta recoñeceu hoxe o traballo do persoal da Xunta de Galicia cos VII Premios Empregados/as Públicos/as Innovadores/as, que poñen en valor o compromiso e a actitude innovadora en prol do avance da Administración pública. Fixeron entrega dos galardóns a directora xeral de FP da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Eugenia Pérez; a directora xeral de Emprego Público e Administración do persoal, Nuria Aguilar, o director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, José María Barreiro, ambos da Consellería de Facenda e Administración Pública.

O certame conta con tres categorías desde a edición anterior, cada unha delas con tres premios. Os primeiros premios de cada categoría están dotados con 2.000 € as solicitudes individuais e 3.000 € para as de equipos, así como o seu recoñecemento como criterio de valoración na carreira administrativa da Xunta.

Identificación de oportunidades

Na categoría de identificación de oportunidades, a idea premiada é un servizo virtual de titorización rural de Manuel Soliño Bermúdez, do Departamento territorial de Pontevedra da Consellería do Medio Rural, formado por un grupo de asistentes públicos de intelixencia artificial que cubra todas as necesidades daqueles propietarios de terreos interesados en poñer a producir as súas propiedades a través do Banco de Terras ou do Banco de explotacións e daqueles promotores interesados en desenvolver unha nova explotación agropecuaria ou forestal. Este servizo daría soporte á rede de Oficinas Rurais, aos Polos de emprendemento, Rede de técnicos de emprego e Rede de GDRs, entre outros, e abórdase o reto de poñer en valor predios e explotacións abandonadas, actuar sobre a remuda xeracional e perda de capacidade produtiva e visibilizar as oportunidades no rural.

Nesta categoría tamén foron premiadas as ideas de Víctor Manuel Fernández Albor, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), co proxecto Plataforma intelixente de cumprimento normativo de avaliación da IA na Xunta de Galicia, que recibiu un segundo premio, e Ángel Casas Polo, da Axencia Galega de Innovación, que recolleu o terceiro premio pola idea Galicia Connect.

Temática máis innovadora

Na categoría de proxecto coa temática máis innovadora, o proxecto vencedor é unha plataforma háptica en realidade estendida para o adestramento de alumnado de FP na detección e interpretación de síntomas en situacións de urxencia sanitaria, presentado por María Carmen Pato González e Santiago García González, do Centro Integrado de FP A Carballeira–Marcos Valcárcel de Ourense dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP. O sistema integra realidade virtual, aumentada e tecnoloxía háptica mediante o uso de chalecos sensoriais capaces de transmitir sensacións táctiles sincronizadas cos escenarios dixitais, o que permite recrear situacións clínicas realistas, nas que o alumnado pode experimentar tanto o rol de paciente como o de profesional sanitario, mellorando a aprendizaxe práctica, a seguridade e a eficiencia.

Nesta categoría tamén recibiron un segundo premio Antonio Losada González, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración do Persoal, polo proxecto MEIGA IOT (Módulo espacial de integración de giróscopo e acelerómetro), e o terceiro premio recaeu en Mercedes Patricia Toubes Navarro, Natalia Crespo González e Juana Isabel Ferreiro López Riobóo polo proxecto Protección da saúde mental da infancia fronte aos riscos dos produtos dixitais, do Instituto Galego de Consumo e da Competencia da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Simplificación administrativa

Por último, na categoría de simplificación administrativa gañou a proposta GALIA suite de automatización intelixente e segura para a administración galega de Juan Antonio Gestal Romaní, da Dirección Xeral de FP da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP. Este proxecto pioneiro nas administracións públicas españolas combina a despregadura dun modelo de intelixencia artificial ética, segura e soberana para uso interno xeneralizado, coa co-creación e gamificación (o persoal non só usa as ferramentas, senón que as propón, vota e participa activamente no seu deseño visual a través das mascotas).

Nesta categoría tamén foron galardoados os proxectos de Carlos Túñez Pérez e José Ramón Torres Rodríguez, da Axencia Galega de Innovación, chamado XESTA (Xestión administrativa integral de expedientes de subvencións), co segundo posto, e Carlos Villaverde Mogo, do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, polo proxecto Audíbel recibiu o terceiro premio.

Récord de participación

Destaca a alta participación nesta edición, que bateu récord de candidaturas con 44 admitidas procedentes de 10 consellerías, con ideas e proxectos que contribúen a avanzar cara unha administración pública máis eficiente, moderna e innovadora capaz de satisfacer as necesidades da cidadanía.

No novo Plan galego de investigación e innovación 25-27, o fomento da innovación desde a demanda segue a ser unha prioridade e a simplificación administrativa aparece como un eixo transversal a todas as actuacións de I+D+i para mellorar a eficiencia e a transparencia institucional, reducir custos e facilitar trámites en beneficio tanto dos axentes económicos como da cidadanía. Como novidade, neste plan estáse a impulsar a innovación local, para levala a todo o territorio como mecanismo de mellora social, económica e territorial. Un enfoque pioneiro que permitirá dotar aos concellos de ferramentas para convertelos en territorios innovadores, sostibles e atractivos para as persoas e as empresas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/12/2025