López Campos e o alcalde de Ferrol asinan un convenio por valor de 250.000€ para converter o Centro Torrente Ballester no museo da cidade

O acordo chega despois do visto e prace do Consello da Xunta para un proxecto que contempla a renovación e modernización do espazo

Cun custo total de máis de 500.000€, a actuación abrangue o acondicionamento de salas, a renovación das instalacións eléctricas ou a reparación de cubertas e fachadas

A iniciativa responde ao compromiso do Goberno galego coa dotación das mellores infraestruturas culturais en todo o territorio ao servizo da cidadanía

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asinou hoxe un convenio co alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, a través do que a Xunta de Galicia colabora con 250.000€ no proxecto de renovación, restauración de patoloxías e modernización do centro cultural Torrente Ballester. Con esta intervención, que conta cun orzamento total de 512.000€, preténdese habilitar este espazo para o seu futuro uso como museo da cidade.

Así, a iniciativa responde ao compromiso que mantén a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude con dotar o territorio coas mellores infraestruturas culturais, colaborando coas distintas administracións, especialmente as locais, e investindo en proxectos que poñen os recursos máis axeitados neste eido ao servizo da cidadanía.

Deste xeito, a execución das obras está prevista para o 2026 cunha duración de seis meses a partir da súa adxudicación, e para o que a Xunta achega 240.000€. Os outros 10.000€ corresponden á anualidade de 2025 para a redacción do proxecto que xa foi entregado no pasado mes de outubro pola empresa adxudicataria.

Ao abeiro deste acordo, o Goberno galego promove a posta en marcha dun centro museístico en Ferrol co obxectivo de convertelo nun referente na comarca, e para o que precisa renovar un inmoble que leva o nome dun ilustre da cidade, un dos escritores galegos máis recoñecidos. Trátase dun edificio que, polas súas condicións de conservación actuais, non permite o uso como museo, polo que a actuación está destinada a solucionar as diferetentes patoloxías que presenta.

Traballos a desenvolver nas instalacións

A intervención prevista no centro Torrente Ballester céntrase na mellora funcional e da calidade dos seus espazos. Así, desenvolveranse traballos que teñen que ver coa adecuación das salas de exposición e doutras áreas interiores como aseos ou almacéns, así como na substitución do mobiliario por elementos máis idóneos para un centro museístico moderno. A isto súmaselle a actualización dos sistemas contraincendios e de emerxencias, así como o cambio na iluminación e nas instalacións de ventilación do edificio.

No que ten que ver co exterior do inmoble levarase a cabo a reparación da cuberta coa reposición de tellas, a recolocación de pezas soltas e a revisión de encontros. Tamén se procederá á substitución da cuberta do patio cunha cubrición acristalada e contémplase o pintado das fachadas e a urbanización no lateral noroeste.

Antigo Hospital da Caridade

O proxecto orixinal do edificio, antigo Hospital da Caridade ubicado no barrio da Magdalena, é de Dionisio Sanchez Aguilera, iniciado en 1783 e finalizado en 1796. En 1998 realízase un proxecto de reforma e ampliación a cargo de Juan Pérez-López de Gamarra para transformar o hospital en Centro Cultural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/12/2025