A Xunta inaugura no Gaiás unha exposición fotográfica que pon en valor a cidade de Ferrol

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salienta o compromiso do Goberno galego cos fotoxornalistas locais “que nos achegan unha nova forma de ollar a comunidade”

José Pardo e Jorge Meis son os autores desta mostra que poderá visitarse no Museo Centro Gaiás ata o 18 de xaneiro

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou esta mañá a exposición Diálogos no Museo Centro Gaiás. A mostra, obra dos fotoxornalistas ferroláns José Pardo e Jorge Meis, propón un novo relato visual sobre Ferrol da man de dúas persoas fondamente vencelladas á localidade co fin de achegar a Santiago de Compostela unha ollada diferente sobre a cidade de partida do Camiño Inglés.

Durante o acto de apertura, Anxo M. Lorenzo salientou que a mostra “reafirma o compromiso do Goberno galego coa posta en valor da fotografía como práctica artística e documental, así como coa acollida de fotógrafos locais que nos achegan unha nova forma de mirar a comunidade”.

Así, tal e como explicou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, o diálogo entre as fotografías de Pardo e Meis pode visitarse no Hall de Tirantes do Museo Centro Gaiás ata o 18 de xaneiro. Na inauguración, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude estivo acompañado do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; así como os autores das fotografías, José Pardo e Jorge Meis, e de Manuel Cheda, que colaborou tamén na mostra.

Dúas maneiras de mirar

Diálogos, comisariada polo artista Eduardo Hermida, propón unha nova ollada sobre Ferrol desde a convivencia entre dúas miradas que conversan entre si. Ambos os dous fotógrafos, profundamente vencellados á cidade, constrúen un relato visual no que a experiencia persoal e o coñecemento do territorio se converten en eixo central.

A mostra preséntase como unha conversa na que Pardo e Meis comparten escenario, pero interprétano de maneira diferente, dando lugar a unha beleza complementaria. A combinación de gamas de grises con paletas cromáticas expresivas amplía a percepción da cidade e ofrece un mapa emocional e contemporáneo de Ferrol.

Sobre José Pardo e Jorge Meis

Jorge Meis é fotógrafo e colaborador do Diario de Ferrol desde 1998. Ao longo da súa traxectoria realizou numerosas exposicións individuais en espazos galegos de referencia e participou en mostras colectivas en cidades como Madrid, Xixón, Santiago de Compostela ou Chaves (Portugal). O seu traballo foi recoñecido con premios como o galardón Foto do Ano 2003 de Galicia en Foco, ademais de varios primeiros premios en certames municipais e culturais. É autor dos libros Sal en la memoria (2020), con textos de Gabriel Aúz, e Ferrol (2021), editado por Bululú.

José Pardo, titulado en Imaxe e Son, traballa como fotoxornalista en La Voz de Galicia desde 1993. Compaxina a súa actividade profesional cunha ampla produción expositiva e editorial, tanto en proxectos persoais como institucionais e culturais. Entre os seus libros destacan Jofre (2005), As Meninas de Canido (2010), A Magdalena. Vista por José Pardo (2009) ou Tell el-Far’a, arqueoloxía en Palestina (2021). Participou tamén en proxectos de igualdade e en iniciativas arqueolóxicas en Palestina e Siria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/12/2025