A Xunta aproba dúas novas ofertas de emprego público cun total de 123 prazas de diferentes postos da administración sanitaria

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes salienta que se ofertan “un total de 100 prazas para postos de difícil cobertura” nos diferentes centros sanitarios

O Consello tamén deu luz verde ao decreto para a convocatoria de 23 prazas vinculadas a diversas categorías do ámbito da saúde pública e da administración sanitaria

O Executivo galego esgota en ambos os casos a taxa máxima de reposición de efectivos que autoriza a lexislación básica do Estado

O Servizo Galego de Saúde tamén deu conta ao Consello da Xunta da previsión de convocatoria de 54 prazas correspondentes ás ofertas públicas de emprego dos anos 2022, 2023 e 2024 de persoal sanitario funcionario (Lei 17/1989)

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2025

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou a aprobación esta mañá, no seo da xuntanza semanal do Consello da Xunta, dos decretos polos que se aproban dúas novas ofertas de emprego público de persoal estatutario do sistema público de saúde e de persoal sanitario funcionario, “cunha oferta global de 123 prazas”.

Máis concretamente, o Consello da Xunta aprobou o decreto polo que se ofertan “un total de 100 prazas para postos de difícil cobertura” nos diferentes centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde.

Destas 100 prazas, tal e como apuntou Calvo, “41 pertencen a diferentes categorías de facultativos especialistas en hospitais comarcais, 27 son de médico de urxencias e 32 pertencen á categoría de pediatra de atención primaria”. Do total de prazas, 7 delas estarán reservadas á quenda de discapacidade xeral (ver anexo).

Con esta oferta a Xunta complementa a aprobada a través do Decreto 52/2025, do 23 de xuño, e esgota a taxa máxima de reposición de efectivos autorizada pola lexislación básica do Estado, que é do 120 %, ao tratarse dun sector prioritario.

23 prazas para diversas categorías de Saúde Pública

Durante a reunión desta mañá, o Goberno galego tamén aprobou o decreto da nova oferta pública de emprego para as escalas sanitarias da Lei 17/1989, do 23 de outubro, que incluirá un total de “23 prazas vinculadas ao eido da saúde pública e da administración sanitaria”, explicou o conselleiro.

En concreto, serán de “5 prazas de farmacéutico inspector de saúde pública, 7 de inspector médico (1 reservada á quenda de discapacidade), 1 de licenciado en ciencias biolóxicas e 10 de subinspector sanitario (1 reservada á quenda de discapacidade)”, especificou.

O sistema de selección será o de concurso-oposición e respectará os principios de libre concorrencia, igualdade, mérito e capacidade.

De igual xeito que no ano anterior decreto, con esta oferta, a Xunta esgotará a taxa máxima de reposición de efectivos autorizada pola lexislación básica do Estado, que é do 110 %, ao tratarse dun sector non prioritario.

Convocatoria con 54 prazas de funcionario sanitario

Xunto cos dous decretos autorizados esta mañá, a Consellería de Sanidade tamén informou o Consello da Xunta dunha nova oferta pública de emprego con 54 prazas de diversas clases de persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria.

Neste caso, tal e como explicou Diego Calvo, o número de prazas de funcionario “correspóndense coas ofertas públicas de emprego dos anos 2022, 2023 e 2024”, que serán convocadas mediante o sistema de concurso-oposición.

Serán, en concreto, “12 prazas de farmacéutico inspector de saúde pública, 10 de inspector médico, 2 de licenciado en ciencias biolóxicas, 3 de licenciado en ciencias químicas, 8 licenciado en farmacia, 4 de licenciado en psicoloxía, 7 de enfermería e 8 de subinspector sanitario”, apuntou.

Con estas convocatorias o Goberno galego dá resposta ás necesidades organizativas e de persoal da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, garantido a calidade asistencial, xunto coa eficacia e a eficiencia dos seus recursos. Ademais, mantén a súa aposta pola estabilidade profesional do persoal que desempeña o seu labor na rede sanitaria pública galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/12/2025