Belén do Campo destaca o investimento da Xunta de 50.000 euros nos concellos de Rois e Brión para acondicionar o vial de Codesido a Sabaxáns

A delegada da Xunta, acompañada polos alcaldes Rois e Brión, comprobou as melloras executadas de renovación deste viario que une os dous concellos

Rois (A Coruña), 22 de decembro de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polos alcaldes Rois, Ramón Tojo e de Brión, Pablo Lago comprobou as melloras executadas de renovación do viario de Codesido a Sabaxáns realizadas co apoio da Xunta, a través da orde de Infraestruturas de uso público nunha axuda conxunta concedida a ambos concellos. A representante da Xunta explicou que o Goberno galego destinou máis de 50.000 euros á renovación deste viario.

Ambos municipios promoveron esta actuación prioritaria para mellorar o pavimento, a accesibilidade e a seguridade nunha vía de intenso tráfico peonil e rodado. O tramo no que se actuou sitúase no camiño de acceso á aldea de Codesido, parroquia de Ribasar, nas proximidades do límite entre ambos concellos. Trátase dunha vía de comunicación estratéxica e moi frecuentada pola veciñanza.

Ademais, este vial adquire unha especial relevancia durante os períodos de fortes choivas, cando a inundación do río Sar á altura da aldea de Codesido pode chegar á ponte de saída do lugar, deixando incomunicados os veciños e veciñas. Nestes casos, esta estrada convértese na única vía de acceso e saída da localidade, polo que é necesaria a súa mellora para garantir as condición adecuadas de seguridade e mobilidade.

As actuacións incluiron a limpeza, formación e perfilado de cunetas, así como o acondicionamento das marxes do vial. O proxecto contemplou tamén a apertura de gabias e a limpeza de salvagabias para garantir un correcto drenaxe lonxitudinal e transversal, así como a colocación da sinalización viaria necesaria.

O proxecto conseguiu mellorar o pavimento e a accesibilidade, aumentar a seguridade viaria, facilitar o tránsito rodado, reforzar as comunicacións intermunicipais, mellorar as infraestruturas básicas e contribuír á calidade de vida da poboación das áreas rurais. A presentación conxunta do proxecto por parte dos concellos de Rois e Brión permitiu ademais un aforro estimado de entre o 5% e o 10% nos custos da actuación, grazas ao maior volume de obra e á optimización de recursos, como o traslado único da maquinaria á zona de actuación. Na provincia foron 31 os concellos beneficiarios por un importe de máis de 1 millón de euros. 

Orde axudas Infraestruturas 2025

Estas axudas, que contaron cun orzamento en Galicia, de 3,5 millóns de euros, enmárcanse  no  compromiso da Xunta co eido local, especialmente cos municipios de menor poboación, xa que está destinada a localidades de menos de 30.000 habitantes. Na provincia da Coruña estas achegas serviron para 28 actuacións por un importe de máis de 1 millón de euros. As subvencións concedidas, por concorrencia competitiva, poden cubren ata o 80% do gasto de creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.

Así, a convocatoria inclúe actuacións nas redes de alumeado público; a pavimentación de camiños públicos municipais; e as obras en prazas, parques, paseos e rúas. A estas engádense a creación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinadas á prestación de servizos municipais, así como a mellora da súa accesibilidade ou a dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/12/2025