Belén do Campo preside a Comisión Territorial de Coordinación e fai balance dun ano marcado pola alta execución dos proxectos da Xunta na provincia
A delegada da Xunta destacou a súa presenza constante en todos os concellos da provincia para poñer en valor os proxectos executados e, ao mesmo tempo, escoitar de primeira man as necesidades dos municipios
A Coruña, 22 de decembro de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, presidiu hoxe unha nova reunión da Comisión Territorial de Coordinación, un órgano de traballo que reúne periodicamente aos directores territoriais das distintas consellerías co obxectivo de reforzar a coordinación institucional e facer seguimento das actuacións do Goberno galego na provincia.
Durante o encontro, fíxose balance das principais iniciativas desenvolvidas ao longo do ano coa participación e apoio da Xunta de Galicia. Neste senso, Belén do Campo destacou a súa presenza constante en todos os concellos da provincia “para poñer en valor os proxectos executados e, ao mesmo tempo, escoitar de primeira man as necesidades dos municipios”.
A delegada subliñou que o 2025 estivo marcado por un alto nivel de execución dos proxectos impulsados pola Xunta en ámbitos estratéxicos como as infraestruturas, os servizos sociais, o emprego, medio ambiente, a educación ou o apoio ao tecido produtivo.
Durante a sesión abordouse tamén o avance dalgunhas actuacións clave, facendo especial fincapé nunha obra estratéxica para a cidade da Coruña e toda a súa contorna como é o novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). Belén do Campo destacou a finalización da demolición da parte máis visible do antigo hospital de Pacientes, un paso decisivo que permitirá avanzar na execución do novo anel perimetral do sistema viario que dará acceso ao complexo hospitalario. Ademais, lembrou que os orzamentos da Xunta para 2026 permitirán continuar coas obras actuais e impulsar a fase II do hospital, cunha dotación de 43,8 millóns de euros, aos que se suman outros 4,4 millóns para o centro de saúde de Santa Lucía.
En relación cos orzamentos autonómicos para 2026, a delegada puxo en valor que superan por primeira vez na historia os 14.000 millóns de euros, acadando os 14.240 millóns, un 2 % máis que no ano anterior.
No ámbito provincial, Belén do Campo destacou o impulso ao acceso á vivenda na Coruña, cun investimento de 15 millóns de euros, dos que 13,2 millóns se destinarán á construción de vivenda pública en Xuxán, ademais de 1,34 millóns para o desenvolvemento de solo en Monte Mero, onde se prevé a creación de máis de 4.000 vivendas, das que o 80 % serán protexidas. Ademais, puxo en valor o cumprimento da palabra dada coa estación Intermodal que estará rematada
En Santiago de Compostela, salientou os 43,7 millóns destinados á ampliación do Hospital Clínico, os 13,6 millóns para o centro de protonterapia ou os 5 millóns para o desenvolvemento de vivenda pública. Na comarca de Bergantiños–Costa da Morte, destacou o gran protagonismo nos investimentos dos 8 millóns de euros para impulsar a VAC Baio–Berdoias e medio millón para a variante de Carballo. No Barbanza, subliñou a conversión en autovía da VAP Brión–Noia, que incrementa o seu orzamento nun 23 % ata acadar os 5,2 millóns de euros, así como os investimentos en saneamento e depuración en Lousame, cunha achega de 1,1 millóns de euros, e os 883.000 euros destinados á restauración ambiental da contorna da mina de San Finx. A delegada lembrou tamén o compromiso da Xunta coa mellora do porto de Portosín, cun investimento de 1,2 millóns de euros nesta anualidade.
Durante a reunión, os membros da comisión analizaron tamén o estado de execución das distintas ordes de axudas postas en marcha pola Xunta, que presentan na maioría dos casos cifras moi satisfactorias. Belén do Campo destacou a boa acollida destas liñas de apoio por parte de concellos, entidades e cidadanía, e puxo como exemplo o Bono Emancípate ou as axudas para a mellora das infraestruturas dos polígonos industriais, algúns dos exemplos cuxas dotacións se incrementaron ante a elevada demanda.
Así mesmo, fíxose un adianto das axudas que xa se están convocando por anticipado de gasto, como os obradoiros de emprego, as axudas relacionadas co medio ambiente como as de caza e pesca, protección de animais de compañía, conservación de árboles senlleiras, entre outras, e as axudas á creación audiovisual para a promoción do talento audiovisual galego, os apoios para a as subvencións para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi eco ou as subvencións para a cofinanciación de proxectos de prevención de condutas adictivas promovidas por concellos, mancomunidades ou agrupacións de municipios, entre outras.
A delegada concluíu sinalando que “todas estas iniciativas reflicten o compromiso da Xunta de Galicia cun desenvolvemento equilibrado do territorio e coa mellora do benestar da cidadanía”, agradecendo a colaboración dos concellos, das entidades locais e das distintas consellerías implicadas. Finalmente, avanzou que o balance do ano é moi positivo e que a Xunta continuará traballando nesta liña de coordinación e cooperación institucional para seguir xerando oportunidades, emprego e crecemento na provincia da Coruña.