Villaverde destaca na inauguración da renovada lonxa de Tragove o esforzo da Xunta por mellorar as condicións de traballo do sector marítimo pesqueiro

A conselleira do Mar comprobou a finalización das obras de ampliación e renovación do inmoble, nas que a Xunta investiu 1,4 millóns de euros e que favorecerá aos seus máis de 1.000 usuarios

Cambados (Pontevedra), 22 de decembro de 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou hoxe na inauguración da renovada lonxa de Tragove, no concello de Cambados, na que a Xunta investiu 1,4 millóns de euros. Villaverde destacou o esforzo inversor do goberno autonómico como mostra do compromiso coa mellora das condicións de traballo do sector marítimo pesqueiro.

Durante a súa visita, a conselleira comprobou a finalización dos traballos de ampliación da lonxa e a renovación da cuberta e mellora da envolvente, coas que a Xunta mellora as condicións de traballo dos máis de 1.000 usuarios do edificio entre provedores e clientes. En concreto, as obras permitiron renovar a sala de poxas, habilitar novos espazos de almacén, oficinas, vestiarios e aseos así coma instalar unha nova cuberta e unha área de 300 metros cadrados para o tratamento, limpeza e preparación do peixe.

Villaverde lembrou, ademais, que a Consellería do Mar contribúe tamén á mellora dos equipamentos interiores da lonxa a través das obras que está a executar para a remodelación dos accesos á cámara frigorífica. Finalmente, contribúese a facilitar o traballo aos transportistas coa construción dun soportal para a carga e descarga.

Tal e como explicou o conselleira, o obxectivo destas actuacións é facilitar o crecemento desta lonxa e consolidar o seu liderado na descarga de volandeiras. Trátase da rula galega que máis vendas de volandeira fresca realiza, xa que concentra o 75 % do total na comunidade, e esta campaña de Nadal bateu récords históricos con máis de 7.000 quilos diarios descargados.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 22/12/2025