O conselleiro de Sanidade asistiu en Vigo á cea benéfica de Nadal da Fundación Diego González Rivas

Gómez Caamaño salienta o carácter humanista e solidario do doutor Diego González Rivas

O conselleiro pon en valor o compromiso coa saúde do cirurxián coruñés e remarca o orgullo que representa para Galicia contar cun referente mundial no eido da cirurxía torácica, converténdoo nun bo embaixador da marca Galicia Calidade

A Fundación Diego González Rivas desenvolve un proxecto internacional que posibilita a realización de operacións complexas en países que non contan con infraestruturas médicas axeitadas

Vigo, 22 de decembro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asistiu esta noite en Vigo á cea benéfica de Nadal que organiza a Fundación Diego González Rivas, un acto no que puxo en valor o carácter humanista e solidario deste cirurxián galego. No acto tamén participou a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez.

Gómez Caamaño lembrou que o doutor Diego González está a desenvolver un proxecto internacional mediante unha unidade móbil de cirurxía que permite a realización de operacións complexas en zonas e países onde non existen as infraestruturas médicas axeitadas.

Neste sentido, o titular de Sanidade remarcou o compromiso coa saúde do doutor González Rivas e subliñou que é un orgullo para Galicia o contar cun referente mundial no ámbito da cirurxía torácica minimamente invasiva e impulsor dunha medicina máis humana, o que o leva a ser un bo embaixador da marca Galicia Calidade no mundo.

A Fundación Diego González Rivas ten como finalidade principal, ademais de salvar vidas, reducir a dor e mellorar o tratamento de enfermidades graves, como é o caso dos cancros. Do mesmo xeito, o especialista coruñés colabora na formación de profesionais locais ao redor de todo o mundo e  promove actividades e acción benéficas co obxectivo de recadar fondos para estas misións cirúrxicas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/12/2025