A Xunta leva ao mercado de Pontevedra a campaña para reducir o desperdicio alimentario durante o Nadal

A iniciativa consiste na entrega dunha culler de madeira na que se pode escanear un código QR que redirixe a unha web con receitas de aproveitamento

Pontevedra, 23 de decembro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o Mercado Municipal de Pontevedra con motivo da campaña de concienciación contra o desperdicio alimentario Nestas datas, que non sobren as sobras!, posta en marcha pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Esta iniciativa pretende concienciar as familias galegas sobre o impacto que supón o desperdicio alimentario; promover hábitos de compra consciente e responsable e poñer en valos os mercados municipais como espazo de consumo de produtos de proximidade de primeira calidade, entre outras cuestións.

En concreto, esta campaña consiste no reparto de máis de mil culleres de madeira cun código QR a través do que se accede a unha páxina web con receitas de aproveitamento. Este QR tamén estará á disposición da cidadanía nun cartel á entrada de cada mercado. O obxectivo é inspirar elaboracións para aproveitar as sobras do Nadal recuperando os bos hábitos da cultura galega coa actualización de pratos tradicionais.

O delegado aproveitou a ocasión para conversar con varias usuarias do mercado e destacou a importancia deste tipo de iniciativas que “nos axudan a vivir as festas de forma responsable”.

A campaña estase a desenvolver nestas xornadas previas ao Nadal en diferentes mercados de abastos de cidades de toda Galicia para concienciar á cidadanía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/12/2025