Portos de Galicia autoriza un restaurante no edificio portuario de Espasante, en Ortigueira
Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2025
Portos de Galicia, ente adscrito á Consellería do Mar, resolveu outorgar unha autorización administrativa para a explotación do edificio portuario de Espasante, no municipio de Ortigueira como restaurante. Trátase do inmoble que anteriormente xa acollera uso de bar e almacén.
A autorización, a favor dun grupo de xestión empresarial, permitirá a ocupación e explotación do local de 160 metros cadrados de planta para usos de restauración por un período de catro anos.
O título administrativo habilitará tamén para a realización das obras de mellora do espazo para adaptalo ao seu uso. Entre elas o acondicionamento da fachada, colocación de terraza, pintado das salas interiores e habilitación integral da cociña. Tamén se mellorarán espazos comúns e aseos e manterase unha parte para uso de oficinas.