A Xunta apoia ao Concello de Mondariz na adquisición dun camión destinado á recollida de residuos
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou hoxe o municipio, que renovou o equipamento cunha achega de case 183.000 euros por parte do Goberno galego, o 70% do custo total
Mondariz (Pontevedra), 26 de decembro de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou hoxe Mondariz, onde o Concello adquiriu un camión compactador destinado á recollida separada de residuos, para o que a Xunta destinou unha achega de case 183.000 euros, o 70% do custo total de máis de 261.200 euros.
O Goberno galego deu resposta así á necesidade do Concello de renovar os vehículos de recollida separada dos que dispón o municipio, debido á súa antigüidade e ás avarías que acumulaban derivando en reparacións cada vez máis frecuentes e custosas.
O camión compactador de carga posterior que adquiriu o Concello, de nova fabricación e tecnológicamente máis eficiente e con sistema avanzado de seguridade, facilita unha maior capacidade na recollida dos residuos domésticos e a redución de emisións, contribuíndo á protección e mellora ambiental. Grazas á colaboración entre a Xunta e o Concello, garántese a continuidade e mellora do servizo municipal de recollida de residuos.
A iniciativa enmárcase no compromiso do Goberno galego coas entidades locais para a mellora de infraestruturas e equipamentos municipais, tanto a través de convenios coma este como de diferentes liñas de axudas. Así, o conselleiro de Presidencia puxo como exemplos as liñas anuais de axudas específicas como a Orde de infraestruturas de uso público, o Fondo de Compensación Ambiental, a orde de axudas de eficiencia enerxética cofinanciada con fondos Feder ou o Fondo de Cooperación Local (FCL), no que se inclúe a liña dirixida a proxectos estratéxicos. A través delas impulsáronse preto dun milleiro de actuacións municipais ao longo deste ano.
No caso do concello de Mondariz, nos últimos anos recibiu máis de 765.400 euros a través das distintas medidas de apoio da Xunta ás administracións locais. Ademais, este municipio é un dos 19 beneficiarios da convocatoria deste ano das axudas do FCL para proxectos estratéxicos con case 380.000 euros concedidos para levar a cabo unha iniciativa de recuperación patrimonial, etnográfica e paisaxística dos Baños de Ermelo e Sabaxáns.