Preto de 4.000 pacientes xa se beneficiaron do programa de prescrición de medicamentos non demorables posto en marcha pola Xunta

Desde o pasado mes de febreiro, no que botou a andar esta iniciativa, a media de citas diarias para a renovación da medicación non demorable foi de 19,1

As cidades de Vigo e a da Coruña son as localidades que rexistran unha maior adhesión a este programa pioneiro impulsado pola Xunta e polos Colexios Oficiais de Farmacia

As medicacións retiradas con maior asiduidade son tratamentos de insulina, fármacos para a hipertensión, antiacoagulantes e terapias inmunosupresoras

Esta medida pioneira, e de carácter excepcional, permite alixeirar as axendas médicas, reducir os desprazamentos innecesarios dos usuarios e, sobre todo, minorar posibles interrupcións dos tratamentos

A Consellería de Sanidade realiza unha avaliación continua deste programa co obxectivo de ampliar o número de medicamentos a incluír

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2025

Un total de 3.998 pacientes xa se beneficiaron do Programa de prescrición de medicamentos sen demora que a Xunta de Galicia puxo en marcha, o pasado mes de febreiro, en colaboración cos Colexios Oficiais de Farmacia da comunidade.

Durante os seus primeiros 10 meses de funcionamento, a rede sanitaria pública galega concertou unha media de 19,1 citas diarias para a renovación da medicación non demorable e que se precisa para o tratamento de certas doenzas crónicas.

Así, a distribución das citas vinculadas a este programa pioneiro impulsado pola Xunta e polos Colexios Oficiais de Farmacia sitúa á cidade de Vigo como a localidade con maior adherencia, con 545 citas; seguida pola Coruña, con 340; e Santiago de Compostela, con 211. Máis alá das sete grandes cidades galegas, o concello de Narón con 92 citas, Redondela con 90 e Baiona con 74, son os municipios que contan cunha maior participación no programa.

A medida adoptada na sanidade pública galega consegue diminuír o número de consultas forzadas ou sen cita nos centros de atención primaria, evita o bloqueo das axendas médicas, reduce os desprazamentos innecesarios dos usuarios e, sobre todo, minora a interrupción de tratamentos e os seus posibles problemas para a saúde dos doentes.

As medicacións retiradas con maior asiduidade nestes primeiros dez meses de funcionamento do programa son os tratamentos de insulina, os fármacos para tratar a hipertensión, os antiacoagulantes e determinadas terapias inmunosupresoras e de carácter neuropsiquiátrico.

Un programa dinámico e ampliable

A listaxe de medicamentos incluídos neste procedemento excepcional foi amplamente consensuada e a súa confección responde basicamente á priorización daquela medicación na que a súa suspensión -ou non continuación- pode provocar efectos non desexables na saúde dos pacientes.

Con todo, o acordo de colaboración entre os Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia e a Consellería de Sanidade remarca o compromiso por parte do departamento sanitario da Xunta de realizar un seguimento e unha avaliación continuada deste programa, co obxecto de analizar unha posible ampliación do número de fármacos nel inseridos.

O pasado 16 de xuño, á listaxe inicial de fármacos incorporáronse novos grupos de medicamentos, entre os que se destacan: os anticoagulantes antagonistas da vitamina K, fármacos vinculados á terapia inhalada de asma e EPOC, a adrenalina fronte ao choque anafiláctico, tratamentos para as hipoglicemias graves, fármacos antiarrítmicos ou fármacos que forman parte da terapia analxésica no tratamento da dor de orixe oncolóxica.

Data de actualización: 28/12/2025