Este Nadal, a ADOS agradece a solidariedade dos galegos e galegas nas campañas de doazón de sangue

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue lembra que, grazas aos doantes de sangue, é posible atender unha media diaria de 2.800 urxencias, realizar un transplante de órganos e realizar unhas 800 intervencións cirúrxicas

A campaña Doa Sangue. O mellor agasallo desenvólvese en preto dun cento de concellos galegos durante o período de Nadal

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2025

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) quere agradecer a todas as persoas que teñen doado sangue durante o presente 2025, a súa solidariedade e a súa activa participación nas campañas de doazón. Grazas a súa contribución, foi posible levar a cabo, diariamente, unha media de 800 intervencións cirúrxicas, un transplante de órganos e atender 2.800 urxencias.

A elevada participación dos doantes posibilitou que os hospitais galegos levaran a cabo con normalidade a súa actividade asistencial e que moitas persoas solucionaran o seu problema de saúde e, mesmo, salvarán a súa vida.

Campaña de Nadal

A Axencia lembra que durante o período de Nadal está a desenvolver unha campaña especial de doazón baixo o lema Doa sangue. O mellor agasallo, co obxectivo de incentivar a participación da cidadanía. Os períodos vacacionais soen presentar un descenso no número de doazóns de sangue, polo que a ADOS promove unha campaña especial que achegará as unidades móbiles da Axencia ata preto dun cento de concellos galegos entre o 10 de decembro e o 7 de xaneiro.

A campaña Doa Sangue. O mellor agasallo tenta achegar á cidadanía galega a realidade do día a día de moitos enfermos, que precisan dunha doazón de sangue para solucionar o seu problema de saúde. Neste sentido, o lema da campaña convida aos doantes a “agasallar” con saúde a persoas que precisan da súa solidariedade durante todo o ano, pero especialmente nestas datas.

Ademais, salientar que a participación dos doantes faise especialmente precisa neste período do ano xa que enfermidades como a gripe ou enfermidades víricas respiratorias repercuten nas reservas dos distintos grupos sanguíneos, debido a que estas doenzas impiden a doazón ata a recuperación da persoa afectada.

Facilidades para doar

Co obxectivo de incrementar a participación dos doantes, a ADOS está a realizar un importante esforzo organizativo, aumentando as campañas de doazón nos meses de decembro e xaneiro, cunha importante presenza das unidades móbiles nos barrios das sete grandes cidades galegas e nos concellos cunha elevada taxa de participación.

Desde a Axencia anímase a doar sangue a todos os galegos e galegas, polo que lembra que as unidades móbiles da ADOS efectuarán os seguintes desprazamentos:

DATA

DESPRAZAMENTOS

Luns 29 de decembro

Barrio das Conchiñas (A Coruña), Santa Cruz (Oleiros), Negreira, Tordoia, Valdoviño, Ribadeo, Rúa do Paseo e Barrio de Barrocás (Ourense), Salceda de Caselas, Portonovo (Sanxenxo) e Barrio Bouzas (Vigo)

Martes 30 de decembro

Praza de Armas (Ferrol), Cerceda, Cantón-Obelisco (A Coruña),  Baralla, Palas de Rei, Praza da Mariña (Ourense), Cangas do Morrazo, Bandeira (Silleda), Valga, Barrio As Travesas (Vigo) e Vilagarcía de Arousa

Mércores 31 de decembro

Bertamiráns (Ames), Praza de Armas (Ferrol), Barrio Os Mallos (A Coruña), Perillo (Oleiros), Área Central-Fontiñas (Santiago), Praza Maior (Lugo), A Valenzá (Barbadás), Zona Ferraría (Pontevedra) e Barrio O Calvario e Rúa Príncipe (Vigo)

Venres 2 de xaneiro

As Somozas, Carballo, Ribeira, Sada, Cacheiras (Teo), Burela, Verín, Cambados, Porriño e Goián (Tomiño)

Sábado 3 de xaneiro

Carballo, Ribeira, Burela, Cambados e Porriño

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/12/2025