A Xunta mantén o desconto do 40% nos autobuses autonómicos, no transporte da ría de Vigo e no tren na área de Ferrol

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde que permite continuar con estas bonificacións no transporte público autonómico a partir de xaneiro

A bonificación do 40% abrangue desde o 1 ao 31 de xaneiro pero xa prevé a ampliación do período no que se aplicarán os descontos

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2025

A Xunta manterá desde este xoves, 1 de xaneiro, o desconto do 40% nos autobuses interurbanos competencia da Xunta, no transporte da ría integrado na Área de Transporte Metropolitano (ATM) de  Vigo -conexións Cangas-Vigo, Moaña-Vigo en sentidos de ida e volta- e no tren na ATM de Ferrol. Así o recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG) na orde publicada hoxe, a través das que se permite continuar con estas bonificacións do 40% no transporte público autonómico, que se aplican sobre as tarifas dos bonos multiviaxe e das tarxetas de Mobilidade de Galicia.  

A orde regula o establecemento dunha minoración adicional e temporal nas tarifas bonificadas de aplicación no transporte público interurbano da competencia da Xunta. Con esta tramitación e publicación no Diario Oficial de Galicia, o Executivo autonómico garante que as bonificacións aos usuarios do transporte público autonómico teñan continuidade, sen interrupción, desde o 1 de xaneiro.

Ademais, aínda que a orde publicada no DOG establece como prazo de aplicación dos descontos ata o 31 de xaneiro, xa prevé a ampliación do período no que se aplicará a minoración temporal da tarifa. Deste xeito, a Xunta garante a súa continuidade ao tempo.

O Goberno galego vén aplicando desde o 1 de setembro de 2022 os descontos adicionais nas tarifas aplicables no transporte público de titularidade autonómica, tras a adhesión da mesma ás axudas directas adoptadas polo Estado que fixara nun 30% e o ano pasado reduciu ao 20%, mentres que a Xunta mantivo o 20% que viña abonando pola súa parte.

Cómpre engadir que ademais a Xunta aplica outros descontos autonómicos no transporte interurbano: a redución do 10% sobre a tarifa en efectivo; descontos adicionais do 15% a usuarios recorrentes e ata o 50% a familias numerosas, así como transbordos gratuítos dentro das áreas de transporte metropolitano; e ata 60 viaxes gratis ao mes para menores de 21 anos coa Tarxeta Xente Nova e para maiores de 65 coa tarifa +65.

Data de actualización: 30/12/2025