DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Martes, 30 de decembro de 2025 Páx. 66577

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 23 de decembro de 2025 pola que, consonte co que establece a Orde do 19 de xuño de 2025, se amplía ao mes de xaneiro de 2026 a aplicación da minoración adicional e temporal nas tarifas bonificadas de aplicación no transporte público interurbano de competencia da Xunta de Galicia, así como as aplicables nos servizos regulares de transporte marítimo integrados na Área de Transporte Metropolitano de Vigo e nos ferroviarios integrados na Área de Transporte Metropolitano de Ferrol.

A pesar da proximidade temporal á fin do período para o que o Real decreto lei 1/2025, do 28 de xaneiro, estableceu o sistema de axudas directas ás comunidades autónomas para o ano 2025 respecto da bonificación adicional das tarifas, por parte da Administración xeral do Estado non se materializou ningún acto formal dirixido nin a darlle continuidade nin a confirmar que esta non teña lugar. Ademais, a emisión dun acto formal de continuidade desta medida que se adopte nos últimos días do ano non permitiría a tramitación das actuacións administrativas e contables esenciais para que a bonificación puidese ter continuidade, sen interrupción, xa desde o día 1 de xaneiro de 2026.

A Comunidade Autónoma de Galicia vén aplicando desde setembro de 2022 os ditos descontos adicionais nas tarifas aplicables no transporte público interurbano galego tras a súa adhesión ás axudas directas adoptadas pola Administración xeral do Estado.

O obxectivo destes descontos era promover o emprego do transporte público nun contexto inflacionista e de baixa demanda logo da pandemia da Covid-19. Así, os descontos sobre o prezo dos títulos multiviaxe buscaban o transvasamento modal do vehículo privado ao transporte público colectivo e consolidar o uso do transporte público nos viaxeiros habituais.

Transcorridos máis de tres anos desde a aplicación destas medidas, o uso do transporte público por estrada en Galicia medrou un 34 % respecto do ano previo á pandemia. Asemade, a eficacia da medida non só se pode medir en termos de crecemento da demanda pois o transporte público é un medio básico para o exercicio de dereitos como a educación ou o traballo, coadxuvando na cohesión territorial.

Atendendo ao anterior, a presente orde mantén durante o mes de xaneiro de 2026 a aplicación das minoracións que estableceu a Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 19 de xuño de 2025.

Finalmente, esta orde, na súa disposición derradeira segunda, habilita a persoa titular da dirección xeral competente en materia de transporte público para acordar, logo da tramitación contable que resulte precisa, a ampliación do prazo de aplicabilidade da porcentaxe de minoración temporal que asumiu a Xunta de Galicia con cargo ás ordes anteriores, ampliada no suposto de renovación por parte da Administración xeral do Estado da súa actuación dirixida á bonificación destas tarifas.

Igualmente, e como parte dunha estratexia de mobilidade integral, procede manter durante o mes de xaneiro de 2026 a aplicación desta minoración adicional nos servizos regulares de transporte marítimo da Área de Transporte Metropolitano (ATM) de Vigo e nos servizos ferroviarios integrados na ATM de Ferrol.

En virtude do exposto, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Primeiro e único. Dar continuidade durante o mes de xaneiro de 2026 á minoración de carácter adicional e temporal das tarifas bonificadas dos servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada de uso xeral da competencia da Xunta de Galicia acordada pola Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 19 de xuño de 2025.

Disposición derradeira primeira. Extensión a outros modos

A ampliación do prazo de aplicación da minoración das tarifas antes indicada tamén será de aplicación, durante o mes de xaneiro de 2026, aos servizos de transporte público regular marítimo integrados na Área de Transporte Metropolitano (ATM) de Vigo (conexións Cangas-Vigo, Moaña-Vigo, e viceversa), así como aos servizos ferroviarios integrados na ATM de Ferrol.

No suposto de que, consonte o previsto na disposición derradeira segunda, se amplíe o prazo de aplicación da minoración que se establece na presente orde, habilítase a persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de transporte público para acordar, se é o caso, e logo da tramitación contable que resulte oportuna, a aplicación da dita minoración nos ditos servizos de transporte durante os novos prazos de aplicación da minoración, así como para alterar o réxime de minoración aplicable aos ditos servizos, ou a outros análogos, co límite máximo da aplicable aos declarados servizos públicos de transporte interurbano por estrada de competencia da Xunta de Galicia, para o que se atenderá ás análises técnicas levadas a cabo e ás estimacións da súa incidencia real sobre as persoas usuarias.

Neste caso, nas ditas resolucións estableceranse as condicións para a aplicación das compensación correspondentes ás empresas que presten os servizos de transporte público afectados, notificándolles as indicadas notificacións e dando publicidade na web bus.gal das condicións tarifarias aplicables.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor e vixencia

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A aplicación da minoración temporal das tarifas bonificadas que se establecen terá lugar entre o 1 e o 31 de xaneiro de 2026.

Habilítase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de transporte público para acordar, logo da tramitación contable que resulte oportuna, a ampliación do prazo de aplicabilidade da parte proporcional da minoración adicional que correspondeu financiar con fondos propios da Comunidade Autónoma consonte o Real decreto lei 1/2025, do 28 de xaneiro, e a Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 19 de xuño de 2025.

Igualmente, habilítase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de transporte público para acordar, logo da tramitación contable que resulte oportuna, a ampliación da dita porcentaxe de desconto adicional durante o dito prazo de ampliación, de xeito que integre a totalidade da minoración adicional que, se fose o caso, acordase a Administración xeral do Estado nunha actuación análoga á que estableceu o Real decreto lei 1/2025, do 28 de xaneiro. Esta habilitación esténdese á modificación das porcentaxes de desconto adicional aplicables.

Igualmente, habilítase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de transporte público para acordar, mediante resolución, a suspensión da aplicación das minoracións adicionais que se amplían por esta orde no suposto de que o crédito dispoñible, ou o finalmente asignado pola Administración xeral do Estado, non resulte suficiente para cubrir o seu custo, así como no caso de que pola incorporación de variacións nas condicións establecidas pola normativa do Estado, a Comunidade Autónoma de Galicia deba renunciar á súa aplicación.

Finalmente, habilítase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de transporte público para ditar cantos actos ou instrucións sexan convenientes para a correcta e plena execución da presente orde.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes