O Acordo do Consello da Xunta do 24 de maio de 2018 polo que se aproba o Acordo acadado o 23 de maio de 2018 entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, UGT e CC.OO., para a mellora das condicións de traballo do persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, recolle, no seu punto 6, «Melloras nos xulgados con competencias en materia de violencia sobre a muller», o establecemento dun complemento retributivo por obxectivos de carácter mensual para o persoal funcionario destinado nestes xulgados.
Así, o persoal destinado nos xulgados exclusivos de violencia sobre a muller, nos xulgados de instrución que asumen a materia de violencia sobre a muller de xeito compartido con outras materias penais, do resto das cidades galegas (Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Pontevedra), e nos xulgados de primeira instancia e instrución do resto dos partidos xudiciais que asumen a materia de violencia sobre a muller de xeito compartido con outras materias penais, sempre que no ano anterior incoasen polo menos 75 ou máis dilixencias en materia de violencia sobre a muller, vén percibindo en función deste acordo unhas cantidades mensuais por este concepto.
O Acordo do Consello da Xunta do 1 de decembro de 2025 polo que se aproba o Acordo do 1 de abril de 2025 entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, STAJ, AXG-CUT, UGT, CSIF e CC.OO. para a mellora das condicións de traballo do persoal ao servizo da Administración de xustiza de Galicia, derroga o Acordo acadado o 23 de maio de 2018.
Polo anteriormente exposto, e logo de negociación coas organizacións sindicais con representación na Mesa sectorial do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza en Galicia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
É obxecto desta resolución regular o complemento retributivo por obxectivos do persoal funcionario destinado nos servizos comúns con competencias en materia de violencia sobre a muller.
Este complemento retributivo por obxectivos é de carácter mensual, adicional e compatible co complemento específico, así como coas prolongacións de xornada establecidas, de ser o caso, para este persoal.
Artigo 2. Ámbito de aplicación
Esta resolución será de aplicación ao persoal funcionario que preste servizo nas seguintes unidades:
a) Servizo común que corresponda en localidades con tribunais de instancia con seccións de violencia sobre a muller, segundo o disposto na relación de postos de traballo.
b) Servizo común que corresponda en localidades con tribunais de instancia con seccións de instrución con especialización en violencia sobre a muller, segundo o disposto na relación de postos de traballo.
c) Servizo común de tramitación do tribunal de instancia dos partidos xudiciais da fase I que asumen a materia de violencia sobre a muller, no caso de que incoasen 75 dilixencias na materia no ano anterior. O persoal funcionario que poderá recibir este complemento será o persoal que desenvolva as súas funcións dentro do grupo de penal (procedemento penal, procedemento e execución penal e/ou execución civil e penal), de conformidade co disposto no correspondente protocolo de actuación, ao cal se sumarán unha ou dúas persoas do corpo de auxilio xudicial, e quedará, en todo caso, supeditado aos límites establecidos no anexo I.
Artigo 3. Retribución económica
A cantidade que vai percibir o persoal funcionario referido no artigo anterior será de:
a) 115,83 €/mes.
b) 86,89 €/mes.
c) 57,92 €/mes.
Estas cantidades serán actualizadas segundo o disposto na orde de confección de nóminas.
Artigo 4. Acreditación da prestación do servizo
No caso do establecido no artigo 2.c), será precisa a certificación da Dirección do servizo común de tramitación en relación coa composición do grupo funcional correspondente.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o 31 de decembro de 2025.
Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2025
José Tronchoni Albert
Director xeral de Xustiza
ANEXO
|
SCT de Betanzos |
7 |
|
SCT de Carballo |
7 |
|
SCT de Corcubión |
7 |
|
SCT de Ortigueira |
3 |
|
SCT de Becerreá |
5 |
|
SCT de Chantada |
6 |
|
SCT da Fonsagrada |
2 |
|
SCT de Mondoñedo |
6 |
|
SCT de Monforte de Lemos |
6 |
|
SCT de Sarria |
7 |
|
SCT de Vilalba |
5 |
|
SCT de Viveiro |
7 |
|
SCT do Barco de Valdeorras |
8 |
|
SCT da Pobra de Trives |
3 |
|
SCT de Caldas de Reis |
7 |
|
SCT de Cambados |
7 |
|
SCT de Cangas |
7 |
|
SCT da Estrada |
6 |
|
SCT de Lalín |
6 |
|
SCT de Marín |
7 |
|
SCT de Ponteareas |
7 |
|
SCT do Porriño |
7 |
|
SCT de Redondela |
7 |
|
SCT de Tui |
6 |
|
SCT de Vilagarcía de Arousa |
9 |
