Marta Forés, Manuel Francisco e Luisa Piñeiro toman posesión como novos altos cargos de Medio rural

O acto celebrouse esta mañá no complexo administrativo de San Caetano e foi presidido pola conselleira María José Gómez

A titular de Medio Rural destacou a valía e profesionalidade das novas incorporacións e agradeceu os servizos prestados polos cargos saíntes, que cesaron a petición propia

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, presidiu esta mañá a toma de posesión dos novos altos cargos do seu departamento. En concreto, trátase da nova secretaria xeral técnica, Marta Forés, do novo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, e da nova directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro.

Neste acto, que tivo lugar no complexo administrativo de San Caetano, a conselleira destacou a valía e profesionalidade destas novas incorporacións e agradeceu os servizos prestados polos cargos saíntes, que cesaron a petición propia. Pola súa banda, os nomeados agradeceron a confianza depositada neles pola titular da Consellería e reafirmaron o seu compromiso a prol do medio rural galego.

Neste contexto, María José Gómez quixo recoñecer “o coñecemento, o talante e a profesionalidade” dos tres cargos que hoxe se despediron e insistiu en agradecer a súa “dedicación as 24 horas do día, os 365 días do ano”, nunha consellería especialmente “ampla e diversa”.

Ás novas incorporacións, a conselleira desexoulles “sorte e éxito”, e valorou o seu compromiso “para dar este paso adiante”. Subliñou que os seus acertos serán “os acertos de todos” nunha Galicia que é “eminentemente rural" e que constitúe unha “Galicia calidade pola que traballamos todos para facela máis e máis grande”.

Secretaria xeral técnica

Marta Forés, que substitúe no cargo de secretaria xeral técnica a Jorge Atán, acumula unha ampla experiencia dentro de Medio Rural. Así, leva vinculada a esta Consellería desde 2006, ocupando diferentes responsabilidades, a última delas a Subdirección Xeral de Réxime Xurídico. Con anterioridade, entre outros postos, ocupou a de titular da Secretaría Xeral do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), organismo pagador dos fondos agrícolas europeos Feaga e Feader en Galicia, adscrito a Medio Rural. Forés é licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e funcionaria de carreira, no Corpo Superior da Administración da Xunta de Galicia.

Director xeral de Defensa do Monte

Pola súa banda, Manuel Francisco releva a Manuel Rodríguez como novo director xeral de Defensa do Monte. Tamén cun prolongado percorrido dentro da Consellería, desempeñaba ata o de agora, e dende o ano 2009, o cargo de xefe do servizo de Prevención de Incendios Forestais en Pontevedra. É enxeñeiro técnico forestal pola Universidade Politécnica de Madrid e funcionario de carreira con máis de trinta anos de experiencia na dirección, planificación estratéxica e coordinación das políticas públicas de defensa do monte e prevención dos incendios forestais en Galicia. A maiores, entre outras responsabilidades, foi coordinador do Grupo de Expertos en Incendios Forestais do Parlamento de Galicia (2018-2019).

Directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal

Luisa Piñeiro é a nova directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, en substitución de José Luis Chan. Ata o de agora, e desde 2022, era a directora-xerente da empresa pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga). Ten a titulación de enxeñeira técnica de industrias forestais pola Escola de Pontevedra e o Master en Consultoría e Verificación Medioambiental do Instituto de Investigaciones Ecológicas de Málaga. Atesoura unha ampla experiencia tanto na xestión ambiental como forestal e, entre outros cargos, con anterioridade desempeñou os de alcaldesa de Moraña entre 2011 e 2020, delegada territorial da Xunta en Pontevedra e deputada provincial.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/12/2025