O Bono Coidado no Fogar da Xunta beneficia xa a máis de 38.400 persoas tras dous anos en vigor

Destaca a boa acollida desta axuda directa de 5.000 euros anuais para todos os dependentes atendidos nas súas casas por un familiar ou persoa da súa confianza, sen importar o seu grao de dependencia ou nivel económico

Este ano 2026 destínanse 179 millóns de euros a consolidar esta medida, un 52% máis que o exercicio pasado

Galicia conta na actualidade con máis de 92.500 dependentes atendidos, o que sitúa a ratio de cobertura da comunidade entre as máis elevadas de España, cun 99,5%

Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2026

O Bono Coidado no Fogar da Xunta de Galicia chega xa a un total de 38.438 persoas en situación de dependencia cando se cumpren dous anos da súa implantación. Esta cifra supón que o número de dependentes que reciben atención na contorna familiar aumentou en máis do dobre desde a posta en marcha desta medida.

O Executivo autonómico continuará reforzando esta prestación no 2026, para a que reserva 179 millóns de euros, un 52% máis que o ano pasado. O Bono Coidado no Fogar consiste nunha axuda de 5.000 euros ao ano para os dependentes que son coidados nos seus domicilios por un familiar ou calquera outra persoa da súa contorna. Esta achega é para todas as persoas, con independencia do grao de dependencia que teñan recoñecido e da súa renda.

Ao longo deste ano, continuarase consolidando este programa coa incorporación de novos beneficiarios. Os datos poñen de manifesto a boa acollida desta proposta, que responde á preferencia maioritaria dos galegos de permanecer na súa contorna para ser coidados por un familiar ou por calquera outra persoa da súa confianza.

Galicia conta na actualidade con máis de 92.500 dependentes atendidos, o que sitúa a ratio de cobertura da comunidade entre as máis elevadas de España, cun 99,5%, e seis puntos por riba da media nacional. O obxectivo que se fixa a Xunta para este 2026 é superar a barreira das 100.000 persoas atendidas.

Falta de apoio do Goberno central

Para acadar este obxectivo, este ano investiranse 845 millóns de euros na atención á dependencia e na mellora dos servizos sociosanitarios, un 17% máis que no 2025. A Xunta demanda o mesmo compromiso por parte do Goberno de España, que sigue moi lonxe de sufragar o 50% do custo dos servizos ao que está obrigado por lei, mentres que se compromete a facelo con outras comunidades, como o País Vasco. Este deficiente financiamento suporá que en 2026 a débeda acumulada con Galicia nesta materia chegue aos 2.900 millóns de euros.

Data de actualización: 01/01/2026