A Xunta inviste preto de 80.000 euros para a diminución da contaminación lumínica no concello da Cañiza
Os traballos consistiron na substitución das antigas luminarias por unhas máis modernas e adaptables, así como dos seus soportes, cableado e cadros eléctricos
O delegado territorial destacou a importancia de manter unha boa colaboración entre institucións para facer un uso eficaz e eficiente dos recursos públicos
A Cañiza (Pontevedra), 30 de decembro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a zona do Campo da Feira da Cañiza para comprobar o resultado da actuación de diminución da contaminación lumínica e protección dos ceos nocturnos nas zonas nos lugares de Campo da Feira, As Laxas, Gorgullón e Poulo.
A reforma, que foi posible grazas a unha achega de preto de 80.000 euros da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, consistiu na substitución das actuais luminarias por unhas máis modernas e de menor consumo que, ademais de permitir unha adecuada regulación lumínica, permitirán reducir o gasto enerxético do concello. Ademais, tamén se melloraron os soportes, o cableado e os cadros eléctricos.
O delegado territorial aproveitou a visita para poñer en valor a importancia de manter unha boa colaboración entre institucións para conseguir que os recursos públicos se utilicen de forma eficaz e eficiente. Neste sentido, Reguera asegurou que “dende a Xunta estamos sempre en contacto cos alcaldes e alcaldesas para coñecer as necesidades dos distintos concellos e poder actuar alí onde sexa máis necesario”.
FCA
O FCA foi creado para distribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración da contorna, así como do reequilibrio territorial. As accións subvencionables inclúen os investimentos e custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio.
Entre os obxectivos que deben perseguir figuran a conservación da biodiversidade, o fomento do coñecemento e da utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, e a recuperación do medio natural degradado ou contaminado. Tamén deben impulsar a eficiencia e o uso sustentable das enerxías renovables, e, en xeral a protección do medio natural.