A Xunta licita por 794.000 euros o subministro, instalación e posta en marcha de dous sistemas de tratamento de auga osmotizada para diálise no Hospital Novo Montecelo

As empresas interesadas nesta licitación teñen de prazo ata o día 26 de xaneiro para presentar as súas ofertas

Os equipos darán cobertura ás unidades de hemodiálise de pacientes crónicos, UCI, REA e coronarias

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2026

O Goberno galego publica, no Portal de Contratos Públicos, por medio da Consellería de Sanidade e por un importe de 794.970 euros, a licitación do subministro, instalación e posta en marcha de dous sistemas de tratamento de auga osmotizada para uso en diálise de pacientes, tanto ambulatorios como hospitalizados, no Hospital Novo Montecelo.

As empresas interesadas nesta licitación teñen de prazo ata o día 26 de xaneiro para presentar as súas ofertas.

O subministro comprende un equipo de tratamento con anel de distribución de auga osmotizada e panel de posto de diálise, así como sistema completo de almacenamento e distribución de solucións concentrados ácidos para dúas formulacións, que dará cobertura á unidade de hemodiálise de pacientes crónicos.

Tamén comprende un equipo de tratamento con tres aneis de distribución de auga osmotizada e paneis de posto de diálise, que dará cobertura a pacientes hospitalizados nas unidades de UCI e REA, así como de coronarias.

Este contrato responde á necesidade de dar unha correcta cobertura sanitaria á poboación da área de referencia deste centro da rede do Servizo Galego de Saúde, mellorando os servizos de atención sanitaria de hemodiálise, co subministro, instalación e posta en marcha destes sistemas, por ser necesario dispoñer de todo o novo equipamento operativo sen desmontar o actual. Así mantense o servizo operativo na fase de traslado e aténdense novas necesidades de altas capacidades e calidades de auga ultrapura producida e a súa trazabilidade.

Data de actualización: 02/01/2026