A Xunta destaca en Boiro o papel da Artesanía de Galicia como eixo de valor engadido nos ámbitos da decoración e do contract

Boiro (A Coruña), 2 de xaneiro de 2026

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou en Boiro a tenda de decoración Stimmug Stories, un espazo no que se poden atopar pezas de Artesanía de Galicia grazas á colaboración coa Xunta. Durante a visita, Fabeiro puxo en valor a continuidade da aposta do Goberno galego pola integración da artesanía noutros ámbitos como a decoración, a gastronomía ou o sector contract, en consonancia co proxecto Artesanía no Prato, recentemente recoñecido co Premio Promociona para Entidades Públicas 2025 nos Premios Nacionais de Artesanía. A xerente subliñou tamén que a artesanía representa unha excelente alternativa tanto para a decoración de interiores como para a arquitectura ou a gastronomía, xa que achega singularidade e carácter propio aos espazos, ao tempo que os vincula coa produción local e cun modelo de consumo máis consciente.

Na tenda Stimmug Stories pódense ver pezas de cerámica contemporánea como as de Ojea Studio (Vigo) ou Cerámica Raposiñas (A Pobra do Caramiñal), olería tradicional de Gundivós elaborada por Elías González (Sober), reproducións de cerámica castrexa da Fundación Terra Termarum Castrolandín (Cuntis), coitelos Celso Ferreiro (A Fonsagrada) e toallas elaboradas en tear manual de baixo lizo por Artefíos (A Coruña).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/01/2026