A Xunta licita por máis de 2,9 M€ a compra centralizada de diverso material sanitario para as sete áreas do Servizo Galego de Saúde
As empresas interesadas nesta licitación teñen de prazo ata o día 30 de xaneiro para presentar as súas ofertas
Entre outros produtos, adquiriranse filtros para reconstruír fármacos mediante xiringa, filtros para realizar probas de función pulmonar e pulseiras para a identificación de pacientes
Trátase da primeira compra deste tipo de material que se realiza de forma centralizada, o que suporá un aforro estimado de 117.717,06 ao ano
Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2026
A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, publica no Portal de Contratos Públicos de Galicia, a licitación, por 2.951.616,56 euros, do subministro sucesivo de diverso material sanitario con destino ás sete áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde.
O contrato terá unha duración inicial de tres anos e prevé posibles prórrogas de ata dous anos máis. Neste caso, o seu valor estimado ascenderá ata os 4.553.457,78 euros, sen IVE.
As empresas interesadas nesta licitación teñen de prazo ata o día 30 de xaneiro para presentar as súas ofertas.
O contrato recolle a subministración dun grupo heteroxéneo de produtos que cubre unha variada gama de necesidades na atención sanitaria. En concreto, adquiriranse pulseiras para a identificación de pacientes, deseñadas tanto para adultos como para pacientes pediátricos e neonatos. Estas pulseiras son fundamentais para garantir unha correcta identificación dos pacientes, evitan erros e melloran a seguridade na atención sanitaria. No último ano foron empregadas máis dun millón de pulseiras.
O expediente inclúe tamén a compra de tubos de silicona, adaptadores e conectores, que son ferramentas indispensables en diferentes procedementos como a aspiración de fluídos, conexións de seguridade para a nutrición enteral ou na drenaxe de fluídos.
Así mesmo, tamén se adquirirán punzóns para transferir de forma segura líquidos estériles entre viais e bolsa de soro; filtros para reconstituír fármacos mediante xiringa, que optimizan a preparación do medicamento para a súa administración; e filtros para realizar probas de función pulmonar, deseñados para ser instalados en equipamentos e garantir a precisión e seguridade durante a avaliación da función pulmonar, protexendo tanto ao paciente como ao equipo.
Trátase da primeira compra deste tipo de material que se realiza de forma centralizada, o que suporá un aforro estimado de 117.717,06 euros sen IVE cada ano.